A Deputación de Pontevedra tínguese este luns de azul e branco con motivo do bicentenario da Declaración de Independencia de Uruguai
A institución súmase á iniciativa promovida polo Consulado Xeral do Uruguai en Galicia
24/08/2025
A Deputación de Pontevedra iluminará o Pazo provincial con motivo do bicentenario da Declaración de Independencia do Uruguai. Este luns 25 de agosto, en horario de 20:30 horas ata as 7:30 horas do martes 26, o Pazo lucirá de azul e branco en apoio á iniciativa do Consulado Xeral de Uruguai en Galicia.
A Deputación de Pontevedra súmase así á lista de lugares e edificios emblemáticos que nos últimos anos se iluminaron coas cores da bandeira de Uruguai, como o edificio Burj Khalifa de Dubai, as Cataratas do Niágara, a sede da Confederación Sudamericana de Fútbol en Asunción, o obelisco da cidade de Bos Aires, a Ponte Romana de Ourense, a Torre de Hércules da Coruña ou os concellos de San Francisco en California, de Xixón, de Santander e de Santiago de Compostela, entre outros.
O 25 de agosto de 1825 produciuse a independencia de Uruguai coa proclamación na Florida da Declaratoria da Independencia da Provincia Oriental de todo poder estranxeiro e a súa unión ás Provincias Unidas do Río da Plata. Actualmente, dos 20.000 uruguaios que residen no norte de España, preto de 13.500 viven en Galicia.