A Deputación estrea esta semana o novo programa Explora Manzaneda con dúas estadías para rapazada de Meaño e Vilanova de Arousa
Explora Manzaneda busca que a mocidade da provincia de Pontevedra viva experiencias de convivencia, deporte e aprendizaxe no medio natural
27/01/2026
Un total de 40 rapazas e rapaces de Meaño e Vilanova de Arousa estrean esta semana Explora Manzaneda, o novo programa da Deputación de Pontevedra deseñado para promover actividades xuvenís de lecer e de tempo libre mediante a ensinanza e o fomento de prácticas deportivas de inverno. O alumnado do IES de Meaño e do IES A Basella (Vilanova de Arousa) asistirá á única estación de montaña coa que conta Galicia desde a mañá deste mércores 28 ata a tarde do venres 30 de xaneiro.
A través de Explora Manzaneda, destinado aos centros de ensino público con educación secundaria situados nos concellos de reto demográfico da provincia, a Deputación ofrece unha experiencia única de convivencia e de aprendizaxe no medio natural que contribúe á formación integral da mocidade pontevedresa a través do deporte, a natureza e o respecto pola contorna.
Tanto o alumnado como os docentes acompañantes gozan de aloxamento en réxime de pensión completa nun establecemento da zona, cunha subvención de 160 euros por persoa que inclúen o desprazamento de ida e volta en autobús, o aloxamento e pensión completa, así como un curso de iniciación ao esquí con todo o equipo e materiais necesarios (casco, esquís, fixacións, botas e bastóns), forfait (remontes mecánicos na estación), acceso á piscina cuberta climatizada, atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.