#XUVENTUDE

Programa “Explora Manzaneda”

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, pon en marcha o programa “Explora Manzaneda”, co obxectivo de ofrecer unha experiencia única de convivencia e aprendizaxe no medio natural. Esta iniciativa contribúe á formación integral da nosa mocidade a través do deporte, da natureza e do respecto pola contorna.


Entidades destinatarias e participantes

O programa está dirixido aos centros públicos de educación secundaria obrigatoria situados nalgún concello de reto demográfico da provincia de Pontevedra. Por cada centro beneficiario deberán participar 20 alumnas e alumnos de primeiro a cuarto da ESO, acompañados dunha ou dun docente do centro.

O alcance do programa é dun máximo de oito centros educativos. O número total de prazas é de 160 para o alumnado, distribuídas en tres quendas que se desenvolverán na estación de montaña de Manzaneda:

  • Quenda 1: 60 alumnas e alumnos (3 centros)
  • Quenda 2: 60 alumnas e alumnos (3 centros)
  • Quenda 3: 40 alumnas e alumnos (2 centros)

Aviso: o programa non se poñerá en marcha se a demanda non acada un mínimo dun 50 % das prazas ofertadas, é dicir, de 80 prazas (20 prazas obrigatorias para catro centros educativos).

Período e servizos ofertados

A estadía, de tres días e dúas noites de duración (de mércores a venres), levarase a cabo entre os meses de xaneiro e marzo de 2026. Os servizos e actividades incluídos son:

  • Desprazamento de ida e volta en autobús desde os puntos de saída que determine a Deputación de Pontevedra.
  • Estancia e manutención en réxime de pensión completa.
  • Curso de iniciación ao esquí, con todo o equipo (casco, esquís, fixacións, botas e bastóns) e forfait incluídos, e acceso á piscina climatizada.
  • Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.

Importante: en caso de que as condicións climatolóxicas non fosen favorables, substituirase a formación de esquí por unha oferta de actividades de montaña durante toda a xornada.

 

Custo e financiamento

A Deputación de Pontevedra subvencionará a cantidade de 159,86 € por alumna ou alumno e asumirá o custo total da praza de cada persoa docente (110,62 €). Os centros educativos deberán aboar 105,00 € por escolar.

En caso de que a empresa adxudicataria oferte un prezo por praza menor, o custo por estudante reducirase.

Procedemento de solicitude

O prazo de presentación das solicitudes será do 1 ao 15 de outubro de 2025. Estas presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal/).

O procedemento de concesión das prazas realizarase do seguinte xeito:

a) Por adxudicación directa, se os centros que solicitan a participación no programa non supera o número de oito e un total de 160 prazas.

b) En caso de que o número de solicitudes superase o número de prazas dispoñibles, a concesión será en réxime de concorrencia non competitiva, por orde de entrada das solicitudes no Rexistro electrónico da Deputación de Pontevedra, ata esgotar as prazas dispoñibles.