A Deputación recolle en Madrid o certificado S de Sostibilidade para o Castelo de Soutomaior, que se converte na primeira fortaleza de Galicia en acadalo

O deputado provincial Ricardo Martínez recolleu o distintivo para o Castelo de Soutomaior, que é tamén o segundo museo galego en recibir a S de Sostibilidade, tralo Museo de Pontevedra, ámbolos dous xestionados polo organismo provincial

23/01/2026

A Deputación de Pontevedra recolle en Madrid o certificado S de Sostibilidade para o Castelo de Soutomaior, que se converte na primeira fortaleza de Galicia en acadalo. O deputado provincial Ricardo Martínez, xunto coa directora de Turismo, Romina Fernández, foi o encargado de recoller este distintivo que sitúa, ademais, ao recinto como o segundo museo galego en recibir este certificado, tras conseguilo anteriormente o Museo de Pontevedra, ámbolos dous xestionados pola Deputación.

A S de Sostibilidade recoñece as boas prácticas aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a xestión responsable do destino. Neste eido, que o Castelo de Soutomaior e o Museo de Pontevedra teñan conseguido o certificado revalida o compromiso da Deputación de Pontevedra coa sostibilidade e coa excelencia turística.

Por outra banda, o organismo provincial tamén recolleu en Madrid os certificados Q de calidade turística das oficinas e puntos de información turística que conforman a rede provincial Info Rías Baixas e xa os tiñan conseguido: Palacete das Mendoza, A Estrada, Sanxenxo (porto deportivo), Cangas (Casa da Bola), Cambados, Baiona, Poio (Casal de Ferreirós), Vilanova de Arousa (Mar de Santiago) e A Illa de Arousa. Ademais, dúas máis conseguiron o certificado: o punto de información turística de Nigrán -Dunas de Gaifar e a Oficina de Turismo de Bueu.