A Deputación destina 220.000 € para financiar bens e servizos en eventos deportivos neste 2026

O presidente Luis López adiantou que esta liña de axudas poderá incrementarse noutros 220.000 € se fose preciso e achegará ata un máximo de 1.000 € por evento

23/01/2026

“E despois de falar de deporte e de turismo deportivo en Madrid, seguimos a facelo na casa”, subliñou o presidente Luis López na presentación da convocatoria das axudas para financiar bens e servizos en eventos deportivos na provincia de Pontevedra neste 2026, dotadas con 220.000 €. López adiantou que esta liña de axudas poderá incrementarse noutros 220.000 € se fose preciso, ata chegar aos 440.000 €, e distribuirá ata un máximo de 1.000 € por evento.

“Seguimos avanzando, unha semana máis, no noso obxectivo de converter Pontevedra na provincia do deporte”, asegurou Luis López quen recordou que o pasado ano gozaron destas axudas, que nas súas dúas convocatorias sumou 220.000 €, 266 entidades da provincia. No caso do 2026, a contía inicial parte xa dos 220.000 € que serán distribuídos, ao igual que o pasado ano, a través de dúas liñas: bens e servizos.

A liña dirixida a adquirir bens contempla o financiamento de medallas, trofeos, equipamento deportivo básico como camisetas conmemorativas ou material promocional relacionado co evento como mochilas, bidóns, gorras ou pulseiras. No caso da liña destinada a contratar os servizos necesarios para organizar ou desenvolver eventos ou probas deportivas,  contémplase desde a asistencia sanitaria, os servizos médicos e ambulancias, ata a vixilancia, o control de accesos, a montaxe e desmontaxe, a cronometraxe e arbitraxe ou os servizos de difusión e comunicación.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.