A Deputación presenta o proxecto de ensanche e mellora da estrada provincial EP-7203 Soutelo de Montes-Covas, en Forcarei, onde investirá preto de 1,1 millóns de euros
A deputada de Infraestruturas Públicas e alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, detallou que a actuación será financiada integramente pola Deputación de Pontevedra e mellorará un treito de case tres quilómetros na estrada que une Soutelo e Covas
23/03/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de dar a coñecer á veciñanza de Forcarei o proxecto de ensanche e mellora da estrada provincial EP-7203 Soutelo de Montes-Covas, onde investirá preto de 1,1 millóns de euros. A deputada de Infraestruturas Públicas e alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, foi a encargada de divulgar os traballos que se acometerán nesta estrada, que serán financiados integramente polo organismo provincial e permitirán mellorar un treito de case tres quilómetros desta vía que une Soutelo con Covas.
En liñas xerais, con esta actuación, cun prazo de execución previsto de 8 meses, mellorarase a funcionalidade e seguridade da estrada provincial EP-7203, nun treito comprendido entre os puntos quilométricos 0+495 e o 3+300. Cachafeiro avanzou que se trata da primeira fase de mellora desta vía provincial e que en canto se poña en marcha a actuación activaranse as engrenaxes para a seguinte.
Os traballos nesta primeira fase de mellora da estrada entre Soutelo de Montes e Covas consistirán no ensanche da plataforma ata acadar unha sección de 2,75 metros por cada un dos dous carrís, con beiravías de 0,50 metros e unha cuneta revestida e formigón, en forma de “L”, de sección libre e dun metro de ancho. Tamén se optimizará o sistema de drenaxe, cunha nova rede de augas pluviais baixo a cuneta. No treito comprendido entre os puntos quilométricos 0+950 e o 1+410 a renovación da drenaxe acometerase na marxe esquerda mediante a construción dunha cuneta revestida de formigón das mesmas características da construída nos outros treitos, que se ampliará ata os peches das parcelas mediante soleira de formigón.
Ademais, neste treito de preto de tres quilómetros da estrada EP-7203 mellorarase a calidade estrutural do firme cunha nova capa de rodaxe de formigón bituminoso en quente e renovarase a sinalización viaria afectada polas obras. Completarase a actuación coa instalación de elementos de contención e seguridade viaria.
