Luis López destaca o bo momento que atravesa o polígono de Barro Meis, cunha ocupación do 80 %, na entrega de tres oficinas do viveiro de empresas a emprendendores
O presidente provincial amosa o compromiso da Deputación co tecido empresarial da provincia coa entrega das chaves a tres entidades centradas na tecnoloxía e nas conservas para asentarse nun espazo do que saíron máis de 75 firmas nunha década
15/04/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, entregou este martes tres oficinas do viveiro de empresas que o organismo provincial ten no polígono empresarial de Barro-Meis a tres emprendedores da provincia para favorecer a posta en marcha dos seus novos proxectos empresariais. Trátase de dúas empresas vencelladas ao sector da conserva e unha á tecnoloxía que desfrutarán destas instalación durante o vindeiro ano cunha cota mensual reducida e asesoramento por parte dos técnicos do viveiro. "É un día importante para nós, porque damos un paso adiante no apoio ao emprendemento; e para vós, porque ides dispoñer dun novo espazo para relanzar o voso proxecto o poñer en marcha a iniciativa", salientou o mandatario provincial.
Os emprendedores beneficiarios destas oficinas son Heliodoro Augusto Sueiro, Joaquín Rivas e David Rodríguez. O primeiro é o representante da empresa Conservas Artesanas, orientada ao comercio ao por maior e ao por menos de produtos alimentarios do mar galego e que xa estaba instalada no viveiro, pero precisaba ampliar o seu espazo para destinalo a almacén. O segundo porá en marcha un proxecto de elaboración en maquilla e comercialización de conservas de peixe e mariscos. Mentres que o terceiro centrará a súa actividade na artesanía e consultoría para o deseño 3D e a formación nesta materia.
Neste sentido, repasou o presidente o estado de ocupación dun viveiro que abriu as súas portas hai xa máis de dez anos e no que deron os seus primeiros pasos máis de 75 empresas. Actualmente, están ocupadas as 16 naves e 19 das 24 oficinas. Ademais, hai tres empresas en lista de espera para entrar no viveiro e están dispoñibles tres espazos de coworking. Nunha situación similar atópase o polígono empresarial, que conta cunha ocupación do 80 % e só 14 parcelas dispoñibles.
"Un parque empresarial de éxito, tanto no viveiro coma no polígono. Este polígono de Barro Meis xa é un referente e a súa ubicación resultou un acerto", valorou o presidente Luis López, quen reafirmou o compromiso da Deputación para apoiar ás empresas que se asentan na provincia, especialmente ás que acolle o viveiro. "Damos todas as facilidades, hai un magnífico persoal para a vosa orientación", sostén López.
O polígono empresarial de Barro Meis tamén recibiu un importante impulso por parte da Deputación coa instalación neste recinto do parque de maquinaria, desde onde se coordinan todas as obras que o ente provincial desenvolve nos concellos e estradas da provincia. Un proxecto completado o ano pasado despois dun investimento de 2,75 millóns de euros e que permitiu a liberación dun espazo natural na contorna das marismas de Alba, en Pontevedra, nun proceso de renaturalización no que a Deputación investiu 1,5 millóns de euros.