A Deputación achega o público ao humor de Castelao este luns en Cerdedo Cotobade cunha función teatral no marco do programa +Escénicas
“Retrincos de Castelao”, protagonizado por Isabel Risco e Fran Rei, representarase no Centro cultural Antonio Fraguas ás 21:00 horas
22/08/2026
A Deputación de Pontevedra financia a actuación do espectáculo teatral “Retrincos de Castelao”, centrado no humor que contén a obra do célebre autor, que se representará este luns 24 de agosto en Cerdedo Cotobade. A función forma parte da programación da nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. O público poderá desfrutar do espectáculo no Centro cultural Antonio Fraguas a partir das 21:00 horas.
“Retrincos de Castelao” está protagonizado por Isabel Risco e Fran Rei e corre a cargo da compañía Artefeito, pretendendo ser un achegamento ao humor que contén a obra do inmortal autor de Rianxo. A través dos seus textos e con dirección de Diego Rey, o electo fará un divertido percorrido polo traballo do intelectual para achegar o público á súa enxeñosa e fascinante forma de ver a Galicia do seu tempo. Á súa vez, será o mosaico dunha realidade galega atemporal, que antecede as nosas xeracións e lles outorga raíces. A través dun ollo de vidro que dá nova forma ao que vemos, o público poderá presenciar a vida dos homes e mulleres que habitaron esta terra e comprender realmente a nosa historia e o noso presente.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.