A Deputación leva este venres o espectáculo Gran Cuarteto da Familia Bocaprier a Rodeiro dentro do ciclo +Escénicas
A actuación, da Familia Bocaprier, está dirixida a todos os públicos e representarase na avenida Aviador Gumersindo Areán ás 20:30 horas
11/08/2026
A actuación, da Familia Bocaprier, está dirixida a todos os públicos e representarase na avenida Aviador Gumersindo Areán ás 20:30 horas
+Escénicas leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes, cun orzamento este ano de 204.000 euros que supón un aumento do 36% de recursos respecto á súa primeira edición
Pazo provincial, 11 de agosto 2026. A Deputación de Pontevedra leva este venres 14 de agosto ata Rodeiro a nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátase do espectáculo Gran Cuarteto da Familia Bocaprier, da Familia Bocaprier, que se representará ás 20:30 horas na avenida Aviador Gumersindo Areán.
Félix Rodríguez, Olivier Cano, Lydia Botana e Óscar Prieto forman o Gran Cuarteto da Familia Bocaprier, unha longa estirpe de músicos de dubidoso prestixio internacional criada entre todo tipo de instrumentos que vive nunha pequena casa dunha remota vila dun país descoñecido. O Gran Cuarteto da Familia Bocaprier amenizará as rúas co seu espectáculo itinerante cargado, non só coa mellor música, se non con todo o aprendido durante anos e anos de estudio... Un combinado de balkan, ska, rumba, coreografías, cantos tribais e triviais.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.
