A Deputación de Pontevedra ultima as datas para poder visitar no Palacete das Mendoza a exposición “O Camiño Portugués, por Pepe Varela”
A mostra, protagonizada por imaxes do veterano fotógrafo coruñés, poderá visitarse na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas ata o próximo mércores 9 de xullo
06/07/2025
A Deputación de Pontevedra ultima as datas nas que se pode visitar no Palacete das Mendoza a exposición “O Camiño Portugués, por Pepe Varela”, unha mostra protagonizada por imaxes do fotógrafo coruñés de 88 anos e cunha traxectoria marcada polo talento e a paixón. A exposición mantense aberta ata o próximo mércores, 9 de xuño, na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas.
Na mostra Pepe Varela invítanos a descubrir o Camiño Portugués a través dos seus ollos, percorrendo este itinerario desde unha perspectiva íntima e emocional. O artista, que dedicou a súa vida a capturar a beleza dos momentos efémeros, amósanos imaxes que van máis alá da paisaxe, retratando a serenidade, a maxia dos detalles e a conexión profunda cos peregrinos.
Cada fotografía é un testemuño da súa habilidade para contar historias sen palabras, transmitindo emocións e vivencias únicas a través dunha viaxe visual que celebra a vida, a arte e o espírito do Camiño. Deste xeito, a exposición é unha homenaxe á súa mirada, ao seu legado e ao seu amor pola fotografía, que aínda segue vivo despois de tantos anos.
Os horarios de visita da mostra “O Camiño Portugués, por Pepe Varela” para estes últimos días no Palacete das Mendoza son os seguintes: o domingo de 10:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas e de luns a mércores de 9:00 a 21:00 horas.