Luis López sitúa a cultura como “a peza clave para converter a Pontevedra nun territorio singular e único no mundo” durante a inauguración da Culturgal

“Convivimos cunha xente única, cun talento só á altura das súas inquedanzas, que fan realidade proxectos tan intelixentes, interesantes e necesarios como este Culturgal”, remarcou o presidente

29/11/2024

O presidente da Deputación na inauguración de Culturgal

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, situou a cultura como “a peza clave para converter a Pontevedra nun territorio singular e único no mundo” durante a inauguración da Feira das Culturas Galegas, Culturgal, que celebra este ano a súa décimo sexta edición. “Estamos nunha cidade, a capital da provincia, que desborda creatividade polos catro costados, vivimos nunha provincia cunha oferta cultural tan singular como atractiva e convivimos cunha xente única, cun talento só á altura das súas inquedanzas, que fan realidade proxectos tan intelixentes, interesantes e necesarios como este Culturgal”, remarcou o presidente quen recordou que a institución provincial ten programada unha intensa actividade durante a feira, centrada no circuíto +Escénicas e con obradoiros de balde para a rapazada.

Luis López, que recoñeceu o labor que levan desenvolvido a prol da cultura tanto o director da Culturgal Camilio Franco como os organizadores da feira, aproveitou para subliñar “o gran traballo e profesionalidade dos axentes e das compañías culturais de Galicia, que coidan desta cultura galega que nos fai únicos”. Neste eido, o presidente remarcou a vontade da Deputación de “escoitar aos profesionais, entender cales son as súas preocupacións e atender as súas demandas. Esa é a meta que perseguimos cando recuperamos despois de moitos anos a Bienal de Arte; cando espallamos a cultura galega por todos os recunchos da provincia programando actuacións musicais, teatrais ou de danza; cando incrementamos a nosa aposta polo coidado e o fomento da lingua; e tamén cando reforzamos a nosa presenza e colaboración con esta Feira das Culturas Galegas, Culturgal”.

Programación da Deputación na Culturgal

A Deputación de Pontevedra destina neste 2024 unha achega de 40.000 euros, un 33% máis que en edicións anteriores, á Feira das Culturas Galegas ata onde levará un stand dende o que espallará o circuíto +Escénicas e onde organizará obradoiros de balde para a rapazada. “Convídovos a todos a facer unha parada no noso stand que non é outro xeito de amosar ese apoio e acompañamento que as administracións debemos prestar para que o noso sector cultural poida brillar con luz propia”, asegurou o presidente.

No marco da feira, a Deputación levará ata o Espazo Arte, o sábado 30 de novembro ás 20:00 horas, “De mar e danza”, con tres pezas curtas co mar como protagonista interpretadas por tres creadoras emerxentes de Galicia: Raquel Ferradás, DeXeito e Marcia Vázquez, a través de Amarelo Distribución Escénica.  Ademais, o domingo 1 de decembro ás 17:00 horas no Escenario A terá lugar a función de teatro “A vida, un frenesí”, a cargo de A Farra Xous, un espectáculo cómico de clown, para todos os públicos, que trata en clave de humor o paso do tempo, a familia e a actualidade.

Xunto cos espectáculos, a Deputación programa na Culturgal obradoiros infantís de acceso libre relacionados tamén coas artes escénicas. O sábado 30 centraranse na maquillaxe teatral, con Sisel en horario de 12:00 a 14:00 horas, e no circo, con Desastronauts de 17:30 a 19:30 horas. Xa o domingo continuarase cun de maxia, co Mago Teto desde as 12:00 ata as 14:00 horas, e finalmente un de globoflexia a cargo de Barafunda-A Farra Xous de 18:00 a 20:00 horas. Todas estas actividades terán lugar no posto da Deputación de Pontevedra e serán de balde.

 

Ligazóns de interese

Galerias de imaxes