A Deputación acolle ata o venres na Finca Mouriscade a sétima edición da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros

O deputado Jorge Cubela foi o encargado de dar a benvida á rapazada que participa esta semana en Lalín nesta iniciativa, poñendo en valor a Finca Mouricade e reivindicando o compromiso do goberno provincial co sector gandeiro

20/07/2026

A Deputación acolle ata o venres na Finca Mouriscade a sétima edición da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros

A Deputación de Pontevedra acolle ata o venres 24 de xullo na Finca Mouriscade a sétima edición da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros, en colaboración coa Federación Frisoa Galega, o Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia e a Cooperativa Rural Galega. O deputado provincial Jorge Cubela foi o encargado de dar a benvida á rapazada que participa esta semana en Lalín nesta iniciativa, aproveitando para poñer en valor a Finca Mouriscade e o compromiso do goberno provincial co sector gandeiro.

“Estamos moi felices de ver a esta rapazada, consciente de que a gandería é unha forma de vida, ten proxección e pode converse no seu futuro profesional”, subliñou Cubela quen reivindicou tamén a necesidade de “garantir o relevo xeracional nun sector que é fundamental para o desenvolvemento do rural, pero tamén para o conxunto da sociedade”. Neste eido, o deputado fixo mención ao compromiso da Deputación de Pontevedra co desenvolvemento do medio rural e co sector agrogandeiro e manifestou a importancia de “dar pasos cara adiante para que este sector económico de tanta importancia para a provincia sexa atractivo para as novas xeracións”.

Cubela tamén fixo fincapé no papel tan significativo da Finca Mouriscade, cuxas instalacións levan décadas apostando pola innovación, a investigación e a mellora continua do sector gandeiro, converténdose nun referente para profesionais, explotacións e entidades de toda Galicia. De feito, a granxa da Finca Mouriscade está considerada a terceira mellor explotación gandeira de toda España. Ademais, en catro anos, a gandería dependente da Deputación de Pontevedra pasou do posto número 35 a alcanzar a segunda posición no índice combinado ICO. Esta clasificación avalía a calidade xenética dos animais, apuntala o centro como unha referencia no sector agrogandeiro a nivel nacional e confirma que as tenreiras que naceron en Mouriscade a partir dos últimos embrións están a contribuír de xeito decisivo á mellora xenética e, como consecuencia, á mellora da eficiencia produtiva das ganderías da provincia.

Galerias de imaxes