A Deputación recomenda renovar os tratamentos contra o mildio tras detectarse as primeiras manchas en varias comarcas da provincia
O persoal técnico do Areeiro insiste na importancia de aplicar os tratamentos respectando as doses recomendadas e aplicando boas prácticas para minimizar o impacto ambiental e sobre a veciñanza
26/04/2026
A Deputación de Pontevedra, a través dun novo aviso fitosanitario emitido polo persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, recomenda renovar os tratamentos antimildio nas viñas despois de que se detectaran as primeiras manchas de aceite en distintas parcelas de seguimento das comarcas do Salnés, Condado e O Rosal. A situación, que xa se intuía no aviso previo, semella bastante xeneralizada, aínda que existen predios nos que non se observaron síntomas, incluíndo algunhas parcelas tratadas e a propia viña de Areeiro, que permanece sen intervención polo momento.
As condicións meteorolóxicas desta semana, con temperaturas medias en niveis suaves e con ceos alternando nubes e claros, favoreceron o avance fenolóxico da vide, que en moitas variedades xa acada o estado de botóns florais separados. Incluso en zonas máis cálidas do Rosal observouse o inicio da floración en cepas illadas de patróns, un adianto respecto á campaña anterior.
En relación ao mildio, a presenza das primeiras manchas de aceite foi confirmada nas parcelas de seguimento no Salnés, O Condado e O Rosal e en plantas abandonadas situadas en muros e bordes de vías, o que reforza a idea dunha distribución ampla do patóxeno. Porén, os niveis de esporanxios de Plasmopara viticola (o fungo que produce esta enfermidade) mantéñense en valores semellantes aos da semana anterior, e as condicións meteorolóxicas recentes non resultaron especialmente favorables para o seu desenvolvemento, agás nun episodio puntual a comezos de semana.
Se ben non se descarta a aparición de episodios tormentosos cara a comezos da próxima semana, en liñas xerais as previsións apuntan a unha continuidade destas condicións. Ante esta incerteza, o persoal técnico insiste na conveniencia de renovar os tratamentos, respectando as doses recomendadas e aplicando boas prácticas para minimizar o impacto ambiental e sobre a veciñanza. Tamén se lembra a importancia de manter ben segada a cuberta vexetal, especialmente en viñas con formacións baixas.
No que atinxe ao oídio, non se detectaron síntomas ata o momento, nin sequera nas variedades máis sensibles, e tampouco se realizaron tratamentos específicos. Con todo, ante a proximidade da floración, que é unha fase de alta sensibilidade, recoméndase que nos predios máis adiantados e con variedades susceptibles se valore a incorporación dun funxicida antioídio, especialmente se aínda non se renovou a protección antimildio.
En canto ás avelaíñas do acio, non se rexistraron capturas de Eupoecilia ambiguella, mentres que se observou un incremento significativo de machos de Lobesia botrana en dúas parcelas, con 38 e 28 exemplares recollidos no Salnés e no Rosal, respectivamente. No resto das parcelas, as capturas foron nulas ou moi reducidas. Respecto a outras incidencias na viña, continúa sendo xeral a presenza de erinose, sen que se detectasen outras afeccións de relevancia.
A nova información fitosanitaria tamén inclúe recomendacións para maceiras, onde comezan a observarse danos do pulgón cincento nos gromos máis tenros. Nestes casos, e mentres a afectación sexa limitada, recoméndase eliminar manualmente os brotes afectados en lugar de aplicar insecticidas, co obxectivo de protexer aos polinizadores presentes nesta época. Ademais, capturouse un macho de avelaíña nunha das trampas instaladas. Finalmente, no que respecta ao buxo, a bolboreta Cydalima perspectalis continúa a súa evolución, con novos adultos emerxidos en laboratorio aínda que sen capturas no exterior.
A Estación Fitopatolóxica do Areeiro lembra que estes boletíns están baseados no observado nas súas parcelas de seguimento, noutras visitadas ao azar e na información de técnicos e viticultores, pero que é importante revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares ou as diferentes variedades.
