Luis López asina coa alcaldesa de Oia, Cristina Correa, unha achega de 530.000€ para financiar ao 100% a ampliación da Praza do Campo e reformar un edificio
O presidente provincial recibe á rexedora no Pazo Provincial para selar un acordo que combina os recursos do Plan Extra e o +Provincia para facer realidade a transformación dun espazo público que será máis accesible e gañará zonas de ocio e un espazo cultural
20/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina coa alcaldesa de Oia, Cristina Correa, o convenio para a ampliación da contorna da Praza do Campo, así como a rehabilitación dunha vivenda na zona para destinala a uso sociocultural. Un proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Correa selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 530.000 euros para financiar o 100 % dunha obra a través da combinación dos recursos do Plan Extra (450.000€) e do +Provincia (79.500€). Unha inxección de fondos provinciais para facer realidade a transformación dun espazo público que será máis accesible para a veciñanza e que gañará novas zonas de ocio infantil e un espazo para a organización de actividades socioculturais.
As actuacións incluídas no proxecto céntranse en tres áreas. En primeiro lugar, a urbanización da contorna a través da transformación da área circundante mediante a creación de espazos accesibles, seguros e funcionais priorizando a mobilidade peonil, a integración paisaxística e a mellora do mobiliario urbano. En segundo lugar, instalaranse zonas deseñadas para uso infantil incorporando elementos lúdicos que fomentan o xogo inclusivo e o desenvolvemento social da infancia, convertendo a contorna nun espazo familiar e dinámico. E, finalmente, coa rehabilitación da antiga vivenda o Concello suma un novo equipamento no que albergar servizos comunitarios polivalentes que poden ser utilizados como espazos socioculturais, oficinas de atención veciñal ou usos diversos que respondan as necesidades da poboación. Para facer realidade o proxecto, levaranse a cabo obras centradas na redución do inmoble a unha soa planta para garantir a accesibilidade universal, a eliminación dun muro exterior para ampliar os usos cara unha parcela que estará conectada coa Praza do Campo, na instalación de xogos infantís e asadores nunha nova zona arborada e a habilitación dunha nova área de aparcamento.
A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello de Oia, onde tamén están en marcha outros proxectos centrados na mellora dos espazos públicos, así como outras infraestruturas e servizos co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza.
