Luis López destaca o valor turístico da nova conexión litoral entre Silgar, Punta Vicaño e Baltar que a Deputación financia con 900.000 euros
A actuación, cun investimento total de 1,8 millóns de euros, permitirá crear un itinerario peonil continuo de máis de 1.500 metros e mellorar os accesos e a conservación do sistema dunar de Baltar
11/08/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este martes co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o convenio para executar o paseo litoral desde o paseo de Silgar ata a entrada ao parque de Punta Vicaño e a recuperación do sistema dunar e mellora do acceso peonil na praia de Baltar. Trátase dun proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. López e Martín selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financiará 900.000 euros do orzamento total 1,8 millóns de euros, correspondendo a contía restante ao Concello de Sanxenxo. “Sanxenxo é un dos principais escaparates das Rías Baixas, polo que mellorar e coidar os seus espazos máis emblemáticos é tamén investir na proxección turística de Pontevedra”, sinalou Luis López.
O proxecto permitirá crear un itinerario peonil continuo, seguro e integrado que conectará o final da praia de Silgar co miradoiro de Punta Vicaño e co paseo e a praia de Baltar. A actuación abrangue máis de 1.500 metros e estrutúrase en tres zonas. Entre Silgar e Punta Vicaño, nun tramo de 293 metros condicionado pola presencia de rochas e a dificultade do terreo, instalarase unha plataforma de composite sobre micropilotes, acompañada de varandas de aceiro, balizas e proxectores de iluminación. No tramo entre Punta Vicaño e Baltar, de 614 metros, repararanse os puntos deteriorados da senda existente e habilitaranse novos segmentos para mellorar a conexión entre o miradoiro, o parque de Punta Vicaño e o acceso á praia. Por último, na praia de Baltar, sobre 634 metros, substituirase a pasarela existente por unha nova estrutura con balizas e proxectos de iluminación e deseñada para favorecer a conservación do sistema dunar.
Para o presidente provincial, a actuación supón “unha aposta por un Sanxenxo máis accesible, cómodo e atractivo para quen nos visita, pero tamén para as persoas que viven no municipio durante todo o ano”. Neste sentido, destacou a importancia de que Sanxenxo continúe reforzando o seu posicionamento como destino turístico e a súa capacidade para atraer visitantes nacionais e internacionais. A intervención, ademais, incorpora unha importante vertente ambiental coa recuperación e protección do sistema dunar de Baltar. “Turismo e sustentabilidade non son conceptos contrapostos: protexer o litoral é tamén protexer un dos principais activos turísticos de Sanxenxo e das Rías Baixas”, defendeu o presidente. “En definitiva, hoxe damos un paso máis para que Sanxenxo siga sendo esa gran xoia turística das Rías Baixas: conectamos Silgar, Punta Vicaño e Baltar, melloramos a experiencia de quen nos visita e facémolo protexendo ao mesmo tempo o noso litoral e o noso patrimonio natural”, concluíu.
A colaboración da Deputación co Concello de Sanxenxo non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello recibiu de mans do organismo provincial nestes tres anos de mandato un total 7,08 millóns de euros a través dos distintos plans de cooperación aprobados, o que demostra o compromiso da Deputación cos concellos da provincia para mellorar a calidade de vida da veciñanza.
