Luis López di que o Cocido de Lalín é un símbolo de riqueza gastronómica e calidade que une a galegos de aquí e alá e converte a Rías Baixas nun enclave único no mundo
O presidente da Deputación participa nesta cita especial, da que desfrutaron galegos tanto residentes en Nova York como chegados de Galicia, e na que se celebrou unha cerimonia de encomenda a distintas personalidades
26/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta o cocido de Lalín como unha bandeira da gastronomía, da cultura e do modelo de turismo que promove a provincia de Pontevedra. Fíxoo na Casa de Galicia de Nova York onde se celebrou esta domingo unha edición especial da Feira do Cocido da que desfrutaron galegas e galegos tanto residentes nos Estados Unidos como en Galicia e na que o mandatario provincial foi o encargado de poñer a capa de novo comendador ao conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, José López Campos. “Hai formas de expresión que nos unen a todos os galegos. Unha é a bandeira, outra é o himno, tamén a lingua e hoxe comprobamos que o Cocido de Lalín é outra forma de expresión tan nosa que resulta difícil explicar con palabras”, declarou o presidente Luis López no xantar celebrado no Salón Rosalía de Castro da Casa de Galicia de Nova York.
A celebración desta xornada, promovida polo Concello de Lalín e na que participaron galegos residentes na urbe estadounidense, así como unha representación de empresarios, cociñeiros e servidores públicos chegados desde Galicia; comezou coa tradicional cerimonia da encomenda do Cocido, na que recibirón a súa capa e o culler de prata o presidente da Casa de Galicia de Nova York, José Gil; a cónsul de España en Nova York, Marta de Blas; o conselleiro de Cultura, José López Campos; o exalcalde de Lalín, Rafael Cuíña; e o xerente de GDR Terras de Pontevedra Norte, Ramiro Ruibal. O acto rematou coa intervención do alcalde de Lalín José Crespo e a actuación da artista Luchi Iglesias ademais do Grupo de Música e Baile da Casa de Galicia de Nova York. A continuación, a comitiva desprazouse ata o comedor para desfrutar do tradicional xantar, nunha localización menos común: Nova York.
“Se a gastronomía galega é coñecida mundialmente, o Cocido de Lalín é a súa bandeira. Se o noso produto é referencia internacional de calidade, o Cocido de Lalín combina todos con mestría. Se os nosos restaurantes atraen comensais de todo o mundo, é porque os chefs —con ou sen estrela— coñecen o idioma do cocido. E se as Rías Baixas son un destino cada vez máis demandado é en boa parte pola súa oferta gastronómica, co Cocido de Lalín á cabeza. O Cocido de Lalín é un emblema do noso patrimonio e temos o deber de protexelo e o privilexio de desfrutalo”, proclamou o presidente Luis López.
Neste sentido, o mandatario provincial tamén puxo en valor a achega da comunidade galega residente en Nova York. “Hoxe, a máis de 5.500 quilómetros de ese quilómetro cero galego que é Lalín, todos nos sentimos coma na casa. Tanto os que vimos desde Galicia para estreitar lazos cos nosos irmáns da outra beira do Atlántico, como os que fixestes de América, dos Estados Unidos e de Nova York o voso fogar. Xuntos reforzamos esa ponte de máis de medio milenio de historia que mantén unidos aos galegos de acá, cos galegos de alá”, afirmou o dirixente provincial, quen aproveitou a oportunidade para lembrar que as portas da provincia están abertas para todos os que desexen visitala, ben como turistas, ben como retornados. “Déixovos a invitación para vir ás Rías Baixas, xa sabedes que quen proba, sempre repite”, concluíu o presidente Luis López.
