Luis López salienta a innovación da Deputación á hora de impulsar o turismo sustentable, a cultura coa recuperación da Bienal ou a comunicación con DepoPlay na provincia

O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, participa na inauguración dun congreso sobre márketing, creatividade e comunicación que se celebra na cidade os días 14 e 15 de maio con entrevistas, conferencias e mesas redondas

14/05/2026

Luis López salienta a innovación da Deputación á hora de impulsar o turismo sustentable, a cultura coa recuperación da Bienal ou a comunicación con DepoPlay na provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca a estratexia de innovación que está a desenvolver o goberno provincial para impulsar a provincia en eidos como o turismo, coa promoción do destino Rías Baixas desde o punto de vista da sustentabilidade, o deporte e o turismo de interior; a cultura, coa recuperación da Bienal de Arte máis antiga de España logo de 12 anos de ausencia; ou a estrea dunha plataforma dixital, DepoPlay, para divulgar o labor da Deputación empregando novos formatos que chegan á xente máis nova. “Na Deputación estámonos abrindo ao ecosistema creativo e ao talento da provincia porque entendemos que a casa de todos os pontevedreses e pontevedresas ten que ser tamén a casa da creatividade. Moitas das firmas que estades hoxe aquí xa o sabedes, porque xa colaborades con nós”, declarou o mandatario provincial no acto de inauguración do Congreso Flúor, que celebra a súa oitava edición estes días en Pontevedra.

Acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, o dirixente provincial ven de participar no acto inaugural dun congreso que se celebra estes días 14 e 15 de maio no auditorio Afundación en Pontevedra. Luis López tivo a oportunidade de participar por primeira vez este xoves como presidente da Deputación neste Congreso que é toda unha referencia a nivel rexional no eido da comunicación, o márketing e a creatividade; e no que compartiu espazo co conselleiro de Cultura, José López Campos; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o presidente do Clúster de Comunicación, Alberto Garnil. Nestas dúas xornadas, o programa de Flúor inclúe entrevistas, conferencias e mesas redondas con representantes de grandes marcas de ámbito internacional. Ademais, nun destes debates participará tamén a directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández baixo o título “Avante”.

“Cómpre dar os parabéns a toda a organización e aos relatores por elixirnos a nós”, agradeceu o presidente antes de poñer en valor o papel da provincia como anfitrioa de toda clase de eventos. “Aínda que a estas alturas xa non teñan ningunha dúbida, tamén cómpre recoñecer que apostar por Pontevedra sempre é un acerto. Non hai máis que ollar para esta sala, repleta de xente nova, moitos estudantes de Belas Artes, de Comunicación e doutras moitas disciplinas, para saber que somos un territorio creativo, e con valor en todos os sentidos. O valor de Rías Baixas é ser unha fonte de inspiración que mestura vangarda e raíces. O valor, no senso de valentía, que temos aquí para pensar fóra da caixa e explorar camiños que para moitos outros semellan imposibles. E o valor engadido que somos quen de xerar cando combinamos iso: territorio, valentía e diferenciación”, subliñou Luis López.

Finalmente, o dirixente provincial fixo un chamamento a todos os profesionais do tecido creativo de dentro e fóra da provincia a chamar á porta da Deputación. “A Deputación ten as portas abertas á creatividade. Calquera proxecto que beneficie á provincia e a proxecte dun xeito distinto e eficaz será escoitado e valorado”, concluíu López agradecendo novamente á organización volver escoller Pontevedra para este congreso, aos participantes por “converter Pontevedra nun compás de creatividade” e aos asistentes “por ter o valor de elixir creatividade e elixir Rías Baixas”.

Ligazóns de interese

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.