Luis López pon os 160.000€ investidos no novo parque infantil de Ánkar, en Poio, como exemplo da pegada do +Provincia na mellora dos espazos públicos dos concellos

O mandatario provincial, acompañado polo alcalde Ángel Moldes, visita un parque que estreita os lazos da veciñanza coa cultura mariñeira do Concello ao incluír unha réplica dunha das carabelas do navegante Cristóbal Colón

09/01/2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou este venres o novo parque infantil de Ánkar, na parroquia de San Salvador de Poio, onde o goberno provincial vén de investir un total de 160.000 euros, financiados ao 100 % polo organismo provincial  a través dos recursos do Plan +Provincia, para a renovación e rehabilitación integral deste espazo de lecer infantil. Acompañado polo alcalde Ángel Moldes, o mandatario provincial puxo en valor a pegada dos plans de investimento da Deputación nos concellos para a transformación dos espazos públicos. “O +Provincia é unha ferramenta que dota aos concellos da provincia de máis fondos ca nunca para facer realidade obras como esta, un instrumento que fomenta a autonomía dos gobernos locais e a demostración máis clara de que a Deputación é o mellor aliado posible dos concellos”, afirmou o mandatario provincial despois de comprobar o remate das obras.

A actuación centrouse nunha área de 300 metros cadrados que conta con novos elementos de xogo máis modernos e seguros, así como mobiliario urbano renovado que converterá este parque nun novo punto de encontro para a veciñanza de San Salvador. Así mesmo, o novo parque infantil estreitará os lazos da veciñanza coa historia e cultura mariñeira de Poio, pois a zona de xogos conta cun barco inspirado na carabela Santa María, unha das tres naves que chegou por primeira vez a América nunha expedición liderada por Cristóbal Colón, o navegante que, segundo varias teorías, podería ser orixinario da veciña localidade de Portosanto, en Poio. “É unha obra que reforza o vínculo coa tradición e historia ligada ao mar, mellora a imaxe do barrio e ofrece alternativas de lecer seguras e modernas ás familias”, resumiu López.

Neste sentido, o mandatario provincial quixo poñer en valor o labor realizado polo alcalde Ángel Moldes e o seu equipo de goberno para poñer en marcha este tipo de proxectos e conseguir financiamento doutras administracións como a Deputación. “En pouco máis de dous anos, está a conseguir que Poio deixe de ser noticia pola falta de investimentos e a parálise para converterse nun Concello que avanza e tende pontes con todas as administracións para sacar adiante proxectos”, recoñeceu o dirixente, quen reafirmou o compromiso da Deputación cos concellos da provincia como o de Poio, onde leva investidos neste mandato un total de 3,5M€.

Galerias de imaxes