Luis López salienta o impulso de máis de 200.000€ da Deputación á Rapa das Bestas como emblema da aposta por un destino turístico sustentable e descentralizado
O presidente provincial, acompañado polo alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, presenta as propostas do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino para este concello, que xiran arredor desta festa de Interese Turístico Internacional, da sidra e da natureza
19/06/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca un impulso de máis de 200.000 euros que o goberno provincial está a dar á Rapa das Bestas, Festa de Interese Tutístico Internacional, a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino do Deza, Tabeirós e Terra de Montes que serviu para a renaturalización da Carballeira do Campo do Medio e a creación dun museo virtual centrado na festa que se presentou este venres na localidade estradense de Sabucedo. “A Rapa das Bestas é moito máis ca unha celebración local para darlle aos cabalos salvaxes so coidados que precisan. A Rapa das Bestas é universal, é a mostra da riqueza cultural, natural e patrimonial da provincia; é a demostración do enorme potencial que ten o noso rural e é un dos grandes emblemas da nosa aposta polo turismo de interior”, declarou o mandatario provincial nun acto no que tamén participou o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao.
O presidente provincial vén de participar este venres, na Carballeira de Sabucedo, na presentación dunha festa na que aproveitou para dar a coñecer as iniciativas impulsadas pola Deputación en materia de turismo tanto no tocante a esta festa como na Estrada a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino das comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes. Un programa aprobado no mandato anterior, que recibiu de fondos europeos un total de 2M€ malia carecer de proxectos maduros e que o actual goberno provincial foi quen de redefinir para darlle un novo pulo ao destino que promove Turismo Rías Baixas, un modelo caracterizado pola sustentabilidade, a descentralización e a aposta polo interior da provincia.
“Unha das campañas mellor valoradas, máis premiadas e máis innovadoras de Turismo Rías Baixas foi a do ano pasado, ‘Cando Volves?’, na que demos a coñecer a provincia sen amosar nin un so metro de praia.
Esa aposta polo turismo rural, de interior, sustentable e descentralizado non foi algo puntual. Forma parte dunha estratexia a longo prazo na que encaixa tamén este Plan de Sustentabilidade Turística para a comarca do Deza, Tabeirós e Terra de Montes”, contextualizou o presidente antes de presentar dúas das iniciativas incluídas neste plan e directamente relacionadas coa Rapa das Bestas de Sabucedo. Unha foi a renaturalización da Carballeira do Campo do Medio cun investimento de 110.000€, para que mellorar a accesibilidade e que volva funcionar como punto de encontro da veciñanza e dos milleiros de visitantes que desfrutan cada ano da Rapa das Bestas. Outra foi a creación dun Museo Virtual da Rapa das Bestas, ao que se destinaron 133.500€, para que o visitante se somerxa de cheo nesta festa a través de vídeos inmersivos en 360 grados, con experiencias audiovisuais interactivas, recreacións dixitais da festa e con información cultural sobre a festa os cabalos.
Ademais, a Deputación mantén a colaboración coa Asociación Rapa das bestas de Sabucedo cunha achega de 10.000 euros, un aumento de 2.000€ con respecto á aportación do ano 2024; así como o deseño dun roteiro de 10 quilómetros por esta contorna de enorme valor natural e patrimonial, e a promoción permanente da Rapa das Bestas en todos os soportes da Deputación e de Turismo Rías Baixas.
“A Rapa das Bestas é universal, un dos máis destacados emblemas da provincia e o compromiso da Deputación coa protección e promoción desta festa de interese turístico Internacional está máis que acreditado. Con todo, a nosa aposta polo turismo de interior na Estrada e nesta comarca non se limita unicamente a esta festa”, puntualizou López antes de citar outras propostas incluídas neste PSTD como a Ruta da Sidra da Estrada, a promoción turística do Concello como destino ligado á natureza e especializado en turismo familiar ou a creación de murais relacionados coa cultura e a identidade da comarca. Así mesmo, este proxecto promociona tamén o astroturismo, o turismo deportivo co proxecto Peribici e as rutas de peregrinación que atravesan este territorio.
Despois de poñer en valor o labor do deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, da directora de Turismo, Romina Fernández; e do persoal de Turismo Rías Baixas, así como a colaboración de alcaldes da comarca como Gonzalo Louzao para executar a tempo as iniciativas deste Plan de Sustentabilidade Turística en Destino do Deza, Tabeirós e Terra de Montes. “Damos pasos adiante na sustentabilidade do turismo, avanzamos na descentralización do noso destino e impulsamos o turismo de interior e o rural da provincia”, concluíu o presidente Luis López.
