Luis López presenta a Liña Conecta Rural: un servizo gratuíto de autobús entre os concellos de Campo Lameiro, Moraña e Portas que afonda na vertebración da provincia

O presidente da Deputación, acompañado polo deputado Javier Tourís e os alcaldes dos tres concellos, dá a coñecer os detalles dun proxecto valorado en máis de medio millón de euros para implantar dúas liñas de transporte por estrada nestes municipios

10/06/2025

Luis López presenta a Liña Conecta Rural

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta unha nova ferramenta dirixida a vertebrar os núcleos rurais da provincia a través da implantación dun sistema de transporte público colectivo por estrada que se porá proba a través dun proxecto piloto en colaboración cos concellos de Portas, Moraña e Campo Lameiro. Trátase da Liña Conecta Rural, un programa novidoso valorado en máis de medio millón de euros, que captou unha subvención de 500.000 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e cuzo orzamento completa a Deputación cunha achega de 55.000€.

O presidente encabezou a presentación dun proxecto no que participaron, ademais do deputado responsable da área de Fondos Europeos e Acción Comunitaria, Javier Tourís; os alcaldes de Moraña, José Gómez; de Campo Lameiro, Carlos Costa; e o rexedor de Portas e deputado provincial, Ricardo Martínez. A Liña Conecta Rural é un proxecto que o obxectivo de mellorar a mobilidade e a conectividade nestes concellos do reo demográfico mediante un sistema de transporte público optimizado e deseñado para o rural.

O seu desenvolvemento constará de cinco fases. A primeira, que está xa en fase de tramitación, consiste na elaboración dun estudo meticuloso para optimizar as liñas máis acaídas para estes tres concellos, prestando especial atención ás conexións cos centros sanitarios. O seguinte paso será o da contratación do servizo de transporte, integrado por dous autobuses, cun custo de 438.000€, aínda que será gratuíto para os usuarios, e deberá estar en funcionamento un mínimo de 18 meses. Do mesmo xeito, porase a disposición dos usuarios unha aplicación móbil para informarse en tempo real de rutas, paradas e horarios. Ademais, establecerase un laboratorio de innovación para buscar solucións á mobilidade e a conectividade territorial nos concellos de reto demográfico integrado por investigadores, emprendedores, axentes sociais e administracións. A quinta e derradeira fase céntrase na elaboración dun plan de sustentabilidade para avaliar os resultados e replicalos noutros territorios. “Falamos dunha ferramenta tan útil como necesaria, que busca facilitar a vida aos veciños destes tres concellos e achegar tamén os mellores servizos ao rural co obxectivo de dotar de autonomía e independencia ás persoas que enchen de vida as nosas parroquias”, explicou o presidente.

Trátase dunha ferramenta que foi moi ben recibida polos rexedores destes tres concellos enmarcados nas necesidades especiais do reto demográfico na provincia como son Moraña, Campo Lameiro e Portas. “É un día moi importante, porque o transporte público non chega a todos os sitios e este programa marcará un antes e un despois”, afirmou Carlos Costa; “vai ser un valor moi grande para poder conectar o rural co casco urbano”, engadiu José Gómez; “esta Deputación aposta polo rural”, concluíu Ricardo Martínez. Nun sentido similar pronunciouse o deputado Javier Tourís, que ve nesta “Liña Conecta Rural” un sistema que pode “cambiar a mobilidade” e do que se verán beneficiados os núcleos rurais, pois “terán os mesmos servizos ca unha vila”.

Atención especial ao Reto Demográfico

A posta en marcha desta nova ferramenta que contribuirá a vertebrar o rural da provincia e, en consecuencia, a fixar poboación nas parroquias supón un novo paso adiante na estratexia do goberno provincial de aplicar medidas que poñan solución ao reto demográfico. “Para esta Deputación o reto demográfico é considerado un desafío”, afirma López en referencia a un problema que afecta con maior dureza a aqueles concellos pequenos, con poboación envellecida e núcleos dispersos. “Unha cuestión que require unha mobilización importante de recursos e desde a Deputación tendemos pontes con estes concellos e dotámolos de solucións e recursos”, sinalou o presidente.

Lembrou Luis López que “para nós o reto demográfico non é unha etiqueta, é un denominador común presente en todas as medidas que levamos a cabo, desde as máis grandes as máis pequenas”. Neste punto, citou programas postos en marcha polo goberno provincial sensibles co reto demográfico como son o +Provincia, programas culturais como o +Escénicas, +Música ou Culturea; plans de apoio a entidades veciñais, como os de Acción Comunitaria dotados este ano con 5 millóns de euros ou os investimentos en conservación e mellora da rede de estradas provinciais.

O sistema de transporte público por estrada trátase dun “tema moi complexo, pero ter ao outro lado da mesa a tres alcaldes que ofrecen todas as facilidades é a maneira que temos de chegar a bo porto”, agradeceu o presidente, quen tamén recoñeceu o labor levado a cabo polo deputado Javier Tourís e o servizo de Fondos Europeos por “formular un proxecto moi ben plantexado que foi capaz de conseguir estes fondos”, rematou o presidente da Deputación. 

Galerias de imaxes