Luis López renova o compromiso da Deputación co automobilismo coa terceira participación consecutiva no Campionato Galego de Rallys con Iago García ao volante
O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, recibe ao piloto pontevedrés de 23 anos que vén de gañar a terceira edición do +Talento Motor
31/01/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibe no Pazo provincial ao piloto Iago García, gañador da terceira edición do +Talento Motor, un programa provincial de apoio ao automobilismo para darlle a pilotos afeccionados e sen experiencia da provincia a oportunidade de estrearse nunha competición de ámbito autonómico como é o Campionato Galego de Rallys, na Copa Dacia Sandero aos mandos dun coche ecolóxico patrocinado polo organismo provincial. O +Talento Motor funciona como unha plataforma que está a impulsar á ampla base de pilotos principiantes que hai na provincia. “Iago, que participou no proceso de selección nas dúas veces anteriores, nesta terceira oportunidade, que por idade era a última na que podía participar, o conseguiu. Impúsoxe por oito décimas a Lucía, o que dá unha mostra do carácter competitivo do talento novo da provincia”, salientou o mandatario provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez.
Iago García é un mozo de 23 anos, natural de Pontevedra e moi afeccionado ao deporte do motor. De neno adoitaba asistir como público ás probas automobilísticas que se celebran na provincia e, xa de adulto, participou nas dúas primeiras edicións do +Talento Motor en busca dunha oportunidade que conseguir este ano, ao ser o mellor piloto nas probas de selección celebradas o pasado 18 de xaneiro no circuíto de A Magdalena en Forcarei.
O apoio a unha disciplina con tanta afección e practicantes na provincia como é o automobilismo é sinal do compromiso da Deputación coa provincia do deporte que se sustenta en piares catro piares. “Pontevedra é a provincia do deporte. Non hai semana na que non falemos de proxectos relacionados co deporte, cun apoio que é unha constante, tanto a competicións deste calado, como na aposta polo talento mozo e a mellora nas instalacións deportivas. Un ano este 2026 no que o deporte adquire un protagonismo especial en turismo, porque a campaña de Rías baixas vai pilotar sobre o turismo deportivo”, enumerou o presidente, quen citou tamén o patrocinio de eventos estratéxicos como O Gran Camiño, que esta mesma semana presentou a etapa que se celebrará no mes de abril entre As Neves e A Guarda e que terá un final espectacular.
O gañador da primeira edición deste programa, que conta coa colaboración da Escudaría AMF Motorsport e da Federación Galega de Automobilismo, foi Yago Martínez, quen se proclamou tamén gañador da Dacia Sandero Eco Cup do Campionato Galego de Rallys, o que lle abriu a porta a ascender á categoría Clio Trophy tamén co patrocinio do organismo provincial. Nese segundo ano, a Deputación patrocinou a participación no campionato autonómico de Yago Martínez, así como a de Roi Rodríguez, o gañador da segunda edición. O compromiso mantense por terceiro ano consecutivo sufragando a participación de Iago García na Dacia Sandero Eco Cup do Campionato Galego de Rallys. “Non nos queda máis que desexar sorte a Iago García”, concluíu o presidente Luis López, despois de amosar o agradecemento á escudaría e á federación pola implicación neste programa e reafirmar o compromiso do goberno provincial con todo o tecido deportivo da provincia.
