Luis López comproba en Cuntis a boa acollida da estrea das food trucks “O Sabor das Rías Baixas”, un novo impulso da Deputación a un turismo de calidade e descentralizado

O mandatario provincial, acompañado polos deputados Jorge Cubela e Javier Tourís, degusta na Praza da Constitución da vila termal distintas elaboracións baseadas nas principais festas gastronómicas que se celebran na provincia ao longo de todo o ano

07/03/2026

Luis López comproba en Cuntis a boa acollida da estrea das food trucks “O Sabor das Rías Baixas”, un novo impulso da Deputación a un turismo de calidade e descentralizado

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, achegouse este venres á praza da Constitución de Cuntis para degustar os pratos inspirados nas festas gastronómicas da provincia que desde esta fin de semana comezan a ofrecer tres food trucks que percorrerán os 61 concellos da provincia ao abeiro do programa provincial “O Sabor das Rías Baixas”. Acompañado polos deputados Jorge Cubela e Javier Tourís, o mandatario provincial tivo a oportunidade de degustar estas preparacións e comprobar a boa acollida dun proxecto estreado esta fin de semana e que supón “un paso adiante” na estratexia de diversificación da oferta turística e impulso a un dos atractivos das Rías Baixas como é a gastronomía.

As food trucks do “Sabor das Rías Baixas”, no seu percorrido pola provincia, tiveron as súas primeiras paradas na vila termal, ata á que se achegou o presidente Luis López, e nos concellos Bueu e Salvaterra de Miño. Alí permanecerán ata o domingo, cando porán rumbo a Pontecesures, Marín e Salceda de Caselas. Nestes establecementos rodantes, os visitantes poderán degustar ata 25 preparacións baseadas noutras tantas festas gastronómicas que se celebran na provincia, como son a Festa do Lacón con Grelos (Cuntis), a Festa do Caldo de Mourente (Pontevedra), a Festa Encontro-Degustación do Millo Corvo (Bueu), Festa da Ostra de Arcade (Soutomaior), a Festa do Requeixo e o Mel (A Neves), a Festa do Choco (Redondela), a Festa do Salmón (A Estrada), a Festa da Troita (Ponte Caldelas), a Festa do Galo de Curral (Vila de Cruces), a Festa da Langosta (A Guarda), a Festa da Vieira e Festa do Albariño (Cambados), a Feira do Viño do Rosal, a Festa do Carneiro ao Espeto (Moraña), a Romaría da Tortilla de Laro e a Festa da Empanada da Bandeira (Silleda), a Festa do Mexillón e o Berberecho (Vilanova de Arousa), a Festa-Feira do Xamón (A Cañiza), a Festa da Lamprea e a Festa da Lamprea Seca (Arbo), a Festa da Ameixa do Carril (Vilagarcía de Arousa), a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País (Valga), a Festa do Viño do Condado do Tea (Salvaterra de Miño), a Festa do Marisco (O Grove) e a Feira do Cocido (Lalín).

“Estamos diante dunha nova demostración da aposta da Deputación por unha oferta turística diversa e de calidade e polos 61 concellos da provincia”, salientou o mandatario provincial sobre esta novidosa iniciativa de Turismo Rías Baixas antes de facer un chamamento a toda a veciñanza para que se achegue a estas furgonetas “nas que se materializa un feito: quen proba as Rías Baixas, repite”.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.