Luis López anuncia 210.000 euros en axudas do plan Pontevedra, Provincia +Inclusiva para derrubar barreiras que impiden a accesibilidade universal

O presidente da Deputación de Pontevedra sinalou que “queremos que esta sexa unha provincia de oportunidades e, por iso, levamos investidos máis de 24 millóns de euros neste mandato en Benestar Social”

20/03/2026

Luis López anuncia 210.000 euros en axudas do plan Pontevedra, Provincia +Inclusiva para derrubar barreiras que impiden a accesibilidade universal

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a posta en marcha da terceira edición do programa Pontevedra, Provincia +Inclusiva, dotado de 210.000 euros para promover a accesibilidade universal. A Xunta de Goberno deu luz verde ás bases do programa, que se enmarca “no noso compromiso cos dereitos das persoas”, sinalou o presidente provincial. Luis López lembrou que “queremos que Pontevedra sexa unha terra de oportunidades, unha provincia xusta, igualitaria e equitativa”, e por iso “levamos investido no que vai de mandato 24 millóns de euros en Benestar Social”.

Pontevedra, Provincia +Inclusiva é un programa que dedica recursos ás entidades sen fins de lucro da provincia para rachar coas barreiras arquitectónicas, impulsar sistemas inclusivos de comunicación e favorecer a participación activa de todas as persoas nos diferentes ámbitos da sociedade. Desde a súa segunda edición, na que se viron beneficiados 30 colectivos, poden participar todas as entidades sociais da provincia independentemente da poboación do concello onde teñan a súa sede.

Cos recursos provinciais, as entidades sen fins de lucro da provincia beneficiarias poderán afrontar melloras da accesibilidade en inmobles da súa titularidade ou en réxime de cesión (quedarían excluídos, polo tanto, os alugueiros) ou os custes da redacción das memoria técnica destes proxectos. Tamén poden dedicar os recursos da Deputación a adquirir sistemas de comunicación que garantan a inclusión dos usuarios da asociación ou axudas técnicas relacionadas coa mobilidade e o coidado persoal como, entre outras, camas articuladas, colchóns antiéscaras e cadeiras de rodas. Cada entidade recibirá un máximo de 10.000 euros, sempre que non supere o 80% do orzamento da súa actuación.

videos

audios