Luisa Sánchez coroa a Hugo Cardon como gañador da segunda etapa de La Solitaire du Figaro no porto de Vigo

20/09/2025

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, entregou este sábado ao regatista francés Hugo Cardon o trofeo que o acredita como gañador da segunda etapa da 56ª edición de La Solitaire du Figaro. Malia ser debutante, o patrón do ‘Sarth'Atlantique’ foi o máis rápido en completar as 486 millas que separan a baía de Morlaix e a ría de Vigo. O seu rexistro foi de 4 días, 2 horas e 14 minutos.

A cerimonia de entrega de premios -na que tamén participaron o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, e o director xeral para o Deporte, José Ramón Lete- serviu para recoñecer igualmente o segundo posto do galo Alexis Loison, que mantén o liderado provisional na clasificación xeral, e a terceira praza da tamén francesa Charlotte Yvel. A última etapa partirá ás 17.00 horas deste domingo desde o porto olívico, onde permanece amarrada a frota que participa nesta regata oceánica, composta por 34 monotipos.