A Deputación leva preto de 170 persoas da provincia a desfrutar do programa de termalismo +Benestar a partir deste domingo

Veciños e veciñas de 32 concellos da provincia gozarán de estancias no Grove, Mondariz-Balneario e Sanxenxo con actividades de ocio saudable e envellecemento activo

31/01/2026

Un total de 169 persoas de 32 concellos da provincia desfrutarán a partir deste domingo do programa de termalismo da Deputación de Pontevedra +Benestar, con estadías no Talaso Hotel Louxo, na Illa da Toxa (O Grove), o Balneario de Mondariz, en Mondariz-Balneario, e o Gran Talaso Hotel Sanxenxo. Durante cinco días, ata o venres 6, accederán aos seus servizos de termalismo e similares en réxime de pensión completa e con actividades de animación sociocultural para fomentar o envellecemento activo.

Visitarán o Talaso Hotel Louxo un total de 38 persoas: 4 de Cangas do Morrazo, 1 de Cerdedo-Cotobade, 1 de Lalín, 2 de Moaña, 3 de Mos, 2 de Nigrán, 2 de Ponte Caldelas, 1 de Pontevedra, 1 de Rodeiro, 2 de Sanxenxo, 7 de Silleda, 9 de Vila de Cruces, 1 de Vilagarcía de Arousa e 2 de Vilanova de Arousa. Ata o Balneario de Mondariz desprazarase outro grupo de 44 persoas, composto por 2 de Agolada, 1 de Baiona, 1 de Barro, 3 de Cangas do Morrazo, 5 da Estrada, 5 de Marín, 2 de Meis, 2 de Moaña, 2 de Mos, 3 de Nigrán, 2 de Poio, 11 de Pontevedra, 1 de Redondela, 2 de Silleda e outras 2 de Vilagarcía de Arousa. Finalmente esta semana participarán en +Benestar outras 48 persoas no Gran Talaso Hotel Sanxenxo: 1 de Baiona, 3 de Cangas do Morrazo, 2 da Estrada, 27 da Guarda, 1 da Illa de Arousa, 3 de Mos, 9 de Pontevedra e 2 do Porriño.

No marco do programa de termalismo +Benestar preto de 2.200 persoas de máis de 55 anos de 60 concellos da provincia pasarán seis días e cinco noites en balnearios, talasos ou spas de Sanxenxo, Mondariz-Balneario, O Grove e Lalín. A Deputación de Pontevedra pretende con esta iniciativa facilitar aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

O organismo provincial subvenciona as prazas de réxime xeral con 100 €, mentres que as de réxime especial están subvencionadas con 400 €. Ademais da estadía, o paquete de +Benestar comprende a pensión completa, o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día, e tamén o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.