A Deputación leva a 115 persoas da provincia a desfrutar do programa de termalismo +Benestar a partir deste domingo

Veciños e veciñas de 22 concellos da provincia gozarán de estancias no Hotel Carlos I Silgar, no Gran Talaso e no Nuevo Astur, todos eles en Sanxenxo, con actividades de ocio saudable e envellecemento activo

15/11/2025

115 persoas de 22 concellos da provincia desfrutarán a partir deste domingo do programa de termalismo da Deputación de Pontevedra +Benestar con estadías no Hotel Carlos I Silgar, no Gran Talaso e no Nuevo Astur, todos eles en Sanxenxo. En concreto, trátase de veciños e veciñas dos concellos de Baiona, Caldas de Reis, Cangas do Morrazo, Catoira, A Estrada, Forcarei, Gondomar, Illa de Arousa, Marín, Meis, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Soutomaior, Tui, Valga e Vilagarcía de Arousa.

Ao detalle, ata 44 persoas de Baiona, Cangas do Morrazo, Catoira, A Estrada, Forcarei, Gondomar, Illa de Arousa, Mos, Pazos de Borbén, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Tui e Valga desfrutarán das actividades de +Benestar no Hotel Carlos I Silgar; outras 41 de Baiona, Caldas de Reis, Cangas do Morrazo, Gondomar, Marín, Meis, Moaña, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Tui e Vilagarcía de Arousa farán o propio no Gran Talaso; e 30 máis de Cangas, Catoira, A Estrada, Forcarei, Mos, Nigrán, O Porriño, Soutomaior, Tui, Valga e Vilagarcía de Arousa no Nuevo Astur.

No marco do programa de termalismo +Benestar, preto de 2.200 persoas de máis de 55 anos de 60 concellos da provincia pasarán seis días e cinco noites en balnearios, talasos ou spas de Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín. A Deputación de Pontevedra pretende con esta iniciativa facilitar aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

O organismo provincial subvenciona as prazas de réxime xeral con 100 €, mentres que as de réxime especial están subvencionadas con 400 €. Ademais da estadía, o paquete de +Benestar comprende a pensión completa, o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día, e tamén o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo, Cangas do Morrazo ou Pontevedra.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.