A Deputación leva este domingo o teatro a Mondariz e Mos a través do circuíto provincial +Escénicas
“Elas pintan moito”, de Migallas Teatro, representarase en Mondariz, mentres que a Mos chegará “As que limpan” da Panadaría
12/03/2025
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 16 de marzo +Escénicas aos concellos de Mondariz e Mos con dous espectáculos de teatro enmarcados neste novo circuíto da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Estes espectáculos correspóndense co fin do primeiro ciclo de +Escénicas, pero a segunda edición xa está en marcha cun orzamento de 195.000 euros, fronte aos 150.000 euros da súa primeira convocatoria.
En Mondariz representarase “Elas pintan moito”, de Migallas Teatro, ás 18:00 horas na biblioteca municipal. Trátase dunha sesión de contos baseada na obra de diferentes pintoras e nos elementos que as inspiraron, abordando a igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, desde o máis cotián ata o da creación artística. Durante a sesión, as nenas e nenos, alén de coñecer as principais obras destas pintoras, descubrirán facetas da súa vida persoal que as converteron en modelos de independencia fronte aos prexuízos machistas da sociedade que as rodeaba.
“As que limpan”, da Panadaría, chegará ao Auditorio de Torroso, en Mos, ás 19:00 horas. A obra dá protagonismo ás mulleres que limpan, invisibles. Na obra aparecen imaxes coñecidas: Un cartel pendurado no manubrio da porta que le «Por favor, arranxe o cuarto», as camas feitas, as toallas limpas e o baño impoluto á volta da praia… Esta obra é unha sátira utópica inspirada na loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello corresponderalle no segundo ciclo do circuíto unha achega máxima de 3.800 euros para financiar ata cinco espectáculos, incluídos nun amplo catálogo de danza e teatro posto á súa disposición (dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra). A partir deste mesmo luns 17 de marzo, os concellos xa poderán solicitar os novos espectáculos.