A Deputación destinará a Tomiño máis de 72.500 euros para financiar integramente a posta en valor do Cruceiro da Ponte en Forcadela

O deputado provincial Roberto Carrero anunciou hoxe no concello que a actuación estará financiada ao 100% con recursos do Plan +Provincia que se aprobarán na Xunta de Goberno deste venres

10/06/2025

Roberto Carrero

O deputado provincial Roberto Carrero anunciou en Tomiño que a Deputación se encargará de financiar a mellora patrimonial do Cruceiro da Ponte, así como a ampliación da rede de saneamento, na parroquia de Forcadela. A Xunta de Goberno aprobará este venres unha achega de máis de 72.500 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes do Plan +Provincia. Nesta anualidade, o plan destina á vila un total de máis de 1.386.828 € e, no caso da liña 1 de investimentos, preto de 970.780 de euros.

O deputado provincial deu conta dos traballos que Tomiño levará a cabo con estes fondos provinciais e que permitirán a posta en valor do Cruceiro da Ponte, en  Forcadela. A actuación principal consistirá na nivelación do terreo e na reposición do pavimento en mal estado con pedra natural do país na súa contorna, así como a incorporación doutros elementos neste mesmo material. Ademais da limpeza de vexetación invasora no cruceiro, instalarase un novo banco de pedra, unha luz indirecta debaixo deste, outra que destaque a peza patrimonial de noite e un farol led orientable. Tamén s colocará unha placa informativa de aluminio con información histórica do cruceiro e, aproveitando a intervención, conectaranse as vivendas que rodean o cruceiro á rede de saneamento situada na PO-552.

Roberto Carrero destacou que o Plan +Provincia “é  o mellor exemplo de como actúa o goberno provincial. Escoitamos os concellos e damos resposta ás súas demandas cos nosos recursos”. Así mesmo, o deputado provincial enxalzou este programa, que ten por obxectivo “modernizar as nosas vilas e mellorar a calidade de vida da veciñanza con actuacións como esta que Tomiño vai levar a cabo en Forcadela, que contribúen a transformar a provincia de Pontevedra”.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.