A Deputación destinará a Forcarei máis de 600.000 euros para financiar integramente a mellora da mobilidade peonil na rúa das Igrexas
Os deputados provinciais Belén Cachafeiro e Javier Tourís recordaron hoxe que o organismo tiña xa comprometidos para esta actuación máis de 500.000 € do Plan EXTRA e anunciaron que estes recursos serán complementados con outros 106.400 €do Plan +Provincia
11/06/2025
Os deputados provinciais Belén Cachafeiro e Javier Tourís anunciaron en Forcarei que a Deputación de Pontevedra investirá máis de 600.000 euros para financiar integramente a humanización da rúa das Igrexas. O organismo provincial tiña xa comprometidos 500.000 € do Plan EXTRA para impulsar esta actuación e estes recursos serán complementados con outros 106.400 € da liña 1 de investimentos do Plan +Provincia, que se aprobarán este mesmo venres en Xunta de Goberno.
Belén Cachafeiro deu conta das obras que Forcarei levará a cabo con estes fondos provinciais e que permitirán a mellora da mobilidade peonil na rúa das Igrexas. Con estes traballos recuperarase esta zona urbana para o uso e desfrute do peón, anteriormente deseñada para o tránsito e estacionamento de vehículos. Co obxectivo de xerar un espazo público máis plural, accesible e que fomente a interacción social, crearase unha plataforma única para peóns e tráfico rodado. A actuación tamén contempla a execución dunha rede de augas pluviais cun trazado paralelo á rede de saneamento, a renovación do alumeado público e a reposición da rede de abastecemento.
A deputada provincial destacou que o Plan +Provincia "é o mellor exemplo de respecto á autonomía municipal, dando resposta ás demandas dos concellos e facendo fronte a proxectos indispensables para cubrir as necesidades da cidadanía". Belén Cachafeiro lembrou que cos recursos deste programa "facemos fronte a actuacións tan importantes como a que se levará a cabo na rúa das Igrexas, que impulsan o avance das vilas da nosa provincia e melloran a calidade de vida da súa veciñanza".
