A Deputación leva este sábado a Bueu o programa provincial +Música cunha actuación de Ortiga

Ortiga actuará no exterior do Centro Social do Mar ás 22:30 horas

10/07/2025

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 12 de xullo a Bueu un concerto de Ortiga, enmarcado na nova edición de +Música, o programa co que a institución provincial colabora coa programación cultural dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difunde e fomenta a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no exterior do Centro Social do Mar ás 22:30 horas.

Ortiga presentará en Bueu o seu novo álbum, no que todas as súas cancións están escritas en galego. Máis do 90% do seu repertorio é propio e o resto pertence a artistas galegos. Referente alternativo da recuperación do son de verbena e da reivindicación de xéneros como o merengue, a cumbia ou o electro-latino dende unha mirada contemporánea, a súa proposta musical inclúe un cuarteto de ventos e un corista, ademais da voz do propio artista.

O concerto de Ortiga é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.