A Deputación leva este sábado 11 de xullo ata Cuntis un concerto de Vanesa Muela e A Banda Traka
O espectáculo terá lugar na praza da Constitución ás 22:00 horas ao abeiro de +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
09/07/2026
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 11 de xullo a Cuntis un concerto de Vanesa Muela e A Banda Traka enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na praza da Constitución ás 22:00 horas.
Vanesa Muela é unha cantante, multiinstrumentista e divulgadora de música tradicional. No seu repertorio figuran xotas, romances, seguidillas ou fandangos, moitas delas recollidas de xente maior ou de tradición oral. Nos concertos acompáñase de instrumentos tradicionais (guitarra, rabel, pandeireta, pandeiro…) e tamén de utensilios cotiáns como culleres, tixolas, tapadeiras, recordando o papel da tradición oral e popular. Neste espectáculo, arróupase de músicos do panorama moderno galego para facer un percorrido polas músicas tradicionais baixo un enfoque fresco e innovador.
Este espectáculo é unha das 93 actuacións financiadas con cargo ao +Música, que se están a celebrar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e pola programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.
