A Deputación celebra as Festas da Virxe do Porto de Marín cun espectáculo musical que recolle a historia da verbena

A Orquestra La Oca Band actuará ás 19:00 horas na Alameda no marco de +Música, un programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas

05/09/2026

A Deputación de Pontevedra celebra este próximo martes 8 de setembro o día grande das Festas da Virxe do Porto de Marín da man dun espectáculo musical que recolle a historia da verbena a cargo da Orquestra La Oca Band. O espectáculo está financiado a través da nova edición de +Música, un programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e difundir e mais fomentar a lingua e a cultura galegas, e terá lugar na Alameda ás 19:00 horas.

La Oca Band distínguese por apostar por cancións con arranxos propios e en galego, ademais de cancións e adaptacións propias que conseguen unha especial conexión do público. O espectáculo “A historia da verbena” será un percorrido musical desde principios do século XX ata a actualidade que abordará toda a historia das festas populares e das orquestras en Galicia, desde a súa formación ata a evolución que foron sufrindo ata a actualidade, mediante diversas interpretacións que mesturan música, cante, baile e humor.

Este espectáculo é unha das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.