A Deputación organiza no Museo de Pontevedra a 16ª edición das Noites de Música Antiga, cos concertos de Laia Terré & Lorenzo Ripol, Iberian Ensemble e Teucro Trío

Os concertos do ciclo, dirixido por Luis Costa, terán lugar os días 16, 24 e 30 de xullo, ás 19:00 h no Edificio Castelao

12/07/2026

A Deputación organiza no Museo de Pontevedra a 16ª edición das Noites de Música Antiga, cos concertos de Laia Terré & Lorenzo Ripol, Iberian Ensemble e Teucro Trío

A Deputación de Pontevedra organiza no Museo de Pontevedra a 16ª edición das Noites de Música Antiga, un programa de concertos que este ano se centrará na música do período barroco. Do xoves 16 ao xoves 30 de xullo, pasarán polo Edificio Castelao tres formacións especializadas: o dúo formado pola violonchelista Laia Terré e Lorenzo Ripol ao clavecín, a formación portuguesa Iberian Ensemble e os galegos Teucro Trío. O ciclo está dirixido polo profesor da Universidade de Vigo Luís Costa Vázquez. O acceso é libre ata completar a capacidade.

Abre o ciclo este xoves 16 de xullo ás 19:00 h Laia Terré & Lorenzo Ripol. Xuntos presentan ‘Diálogos do século XVIII’, centrado no violonchelo barroco e en como se impuxo no repertorio orquestral e camerístico da segunda metade do século XVIII. O programa combina autores de diversa procedencia: Italia, Francia e España. Amosa a maduración da linguaxe solista do violonchelo e a súa expansión por toda Europa, a partir especialmente das achegas dos italianos, como é o caso de Francesco Geminiani e Giovanni Bononcini. Tamén soarán composicións de Antonie Dard, Martín Berteau e Pablo Vidal.

Laia Terré formouse nos conservatorios de Ámsterdam, Xenebra, Utrecht e Lleida, a súa cidade natal, e actualmente cursa o mestrado en Violonchelo Histórico na Schola Cantorum Basiliensis. Como violonchelista desenvolve unha intensa carreira centrada no repertorio temperán para este instrumento. Ten actuado con agrupacións recoñecidas na interpretación histórica dos estilos barroco e clásico e obtivo diversos premios de interpretación.

Lorenzo Rupil comezou os seus estudos en Udine, a súa cidade natal, onde se graduou en Órgano e Composición. Posteriormente ampliou estudos en Friburgo e Trossingen, da man de destacados mestres cos que afondou no coñecemento do repertorio e a interpretación histórica, así como na improvisación para órgano. Acadou diversos recoñecementos en competicións de piano, órgano e clavecín.

Iberian Ensemble o venres 24

A segunda actuación será a da formación portuguesa Iberian Ensemble, o venres 24 de xullo, de novo ás 19:00 h no Edificio Castelao. O concerto centrarase no estilo galante, un modo de facer que se despregou por toda Europa entre 1730 e 1770 e que se caracteriza pola claridade da súa expresión e por estar máis dirixido a unha recepción sensual e inmediata que á abstracción intelectual. Neste estilo sitúanse os compositores do programa deste concerto, no que soarán pezas de Johan Joachim Quantz, Joan Baptista Pla, Josep Pla e Carl Philipp Emanuel Bach.

Iberian Ensemble foi fundado en 2012 por Alexandre Andrade co obxectivo de xunguir a investigación musicolóxica e a interpretación da música ibérica dos séculos XVII, XVIII e XIX. A formación participou en prestixiosos festivais de música antiga en Portugal, España, Reino Unido, Croacia, Serbia, República Checa ou Grecia.

Teucro Trío o xoves 30

Teucro Trío será o conxunto encargado de pechar o ciclo o xoves 30 de xullo ás 19:00 h, co concerto ‘Unha viaxe pola Europa do Barroco’. Centrarase na forma da sonata en trío, no que soarán pezas de Marco Uccelini, Francesco M. Veracini, Santiago de Murcia, Andrea Falconiero, Dietrich Buxtehude e Jacques Morel.

Forman Teucro Trío Sergio Heredia (violín barroco), Fernando Reyes (guitarra barroca e tiorba) e Arquímedes Artal (viola de gamba). Heredia é profesor de violín no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra e director da Xove Orquestra Sinfónica de Pontevedra. O compostelán Fernando Reyes é un dos fundadores do grupo de música antiga Resonet. E Arquímedes Artal é membro do cuarteto Gallaecia Antiqva e profesor de viola de gamba no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra.

Galerias de imaxes