A Deputación lanza unha nova edición do programa Voando nas Rías Baixas con sete novas rutas ornitolóxicas durante o ano 2026

Da man de SEO/BirdLife, as actividades comezarán o próximo 8 de febreiro en Nigrán e, como novidade, inclúese unha nova ruta por Cabo Udra

24/01/2026

A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha nova edición do programa Voando nas Rías Baixas. En colaboración coa asociación SEO/BirdLife, organizaranse durante este ano un total de sete rutas ornitolóxicas para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural.

O calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas en 2025 comezará o próximo 8 de febreiro en Nigrán, na foz da Ramallosa e Praia América. As inscricións para a estrea do programa deste ano abrirán este mesmo luns, 26 de xaneiro. As actividades non continuarán ata maio, concretamente o día 24, nas Brañas de Xestoso (Forcarei e Silleda), e antes do verán a terceira actividade do ano será a ruta nas praias da Lanzada (O Grove e Sanxenxo) e da Mexilloeira (O Grove) o 21 de xuño.

O calendario de actividades retomarase despois do verán coa novidade deste ano, a ruta por Cabo Udra que se celebrará o 13 de setembro, que irá seguida da do esteiro do Miño (A Guarda) o 11 de outubro, pola da desembocadura do río Lérez, o percorrido pola Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra), o 15 de novembro, e en último lugar polo Complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove e Sanxenxo), pechando o calendario da edición o 13 de decembro.

Igual ca en edicións anteriores, ofértanse 25 prazas por actividade (de dúas horas de duración) e a persoa solicitante poderá inscribirse xunto con tres acompañantes máis. O percorrido, guiado por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús para o desprazamento entre os distintos puntos nos que ten lugar a actividade, e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo campo. Cada participante terá á súa disposición unha guía de aves, prismáticos para observar aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas. Para poder participar, é necesario contestar os correos de confirmación de praza, e non facelo provocará a exclusión nesa e no resto de rutas do programa programadas este ano.

As Rías Baixas ofrecen enclaves únicos ao longo da provincia de Pontevedra, desde tramos de costa acantilada e rochosa, amplos areais ou illas ata os montes densos e verdes do interior onde atopar unha extraordinaria biodiversidade de flora e fauna, que fan da provincia de Pontevedra un destino con gran variedade de localizacións para a súa observación nas distintas estacións do ano e que atraen un numeroso público nacional e internacional.