A Deputación confirma que dúas empresas preséntanse á licitación da concesión do restaurante no Museo de Pontevedra

Pepe Vieira S.LU. e Neapolis FD S.L. son as aspirantes a facerse cargo do establecemento nos próximos seis anos, prorrogable por outros catro

06/11/2025

A Deputación de Pontevedra vén de constituír a mesa de contratación para a adxudicar a explotación de actividade de cafetería e restaurante no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra polos próximos seis anos, prorrogable por outros catro. Rematado o prazo de presentación de ofertas, hai dúas empresas aspirantes: Pepe Vieira S.LU. e Neapolis FD S.L. A mesa de contratación procederá nos próximos días a valorar as ofertas económica e os criterios técnicos.

O 49% da valoración recaerá en criterios de xuízo de valor: valorarase por unha banda o concepto gastronómico, a identidade de marca, a integración patrimonial e o deseño de espazos, cunha proposta que "ademais de articular un relato culinario singular e plenamente coherente co discurso do museo, presenten un deseño integral dos espazos interiores e da terraza que realce tanto o inmoble patrimonial como a experiencia do visitante". Tamén se valorará a experiencia e currículo do equipo humano e a estabilidade contractual, así como a calidade do estudo de mercado e da estratexia comercial. O 51% restante da valoración recaerá na proposta de incremento do canon mínimo anual e no compromiso de aplicación dun sistema de calidade UNE ou Q de calidade turística.

O novo contrato dará continuidade ao uso que tivo o baixo do Edificio Sarmiento nos últimos 10 anos, como restaurante e terraza. A empresa que resulte adxudicataria terá que executar obras de mellora no local, cuxo custe estimado se restará do canon de explotación que teña que satisfacer a empresa. As obras consistirán na mellora da accesibilidade en aseos, a reparación de pavimentos e o control de cheiros.

A concesionaria deberá executar as obras no prazo máximo de seis meses desde a recepción das autorizacións sectoriais e da licenza de obras e, en todo caso, dentro dos seis primeiros anos iniciais da concesión. A Deputación estimou en 75.527 € máis IVE o custes desta actuación, que se amortizará mediante a redución do canon da concesión durante os primeiros seis anos. O canon anual mínimo de licitación está establecido en 22.563,34€ (IVE incluído).

O espazo para restaurante está situado na planta baixa do Edificio Sarmiento, con acceso independente. Ocupa un superficie duns 160 m2 e inclúe unha cociña completamente equipada. O espazo de cafetería, no mesmo baixo, ocupa uns 168 m2, aos que hai que sumar o espazo de terraza situado entre os edificios Sarmiento e Castelao.