A Deputación de Pontevedra incrementa en máis dun 17% os recursos destinados ao fomento do turismo, que ascenden no 2026 a 7,1 millóns de euros
O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, remarcou que “esta suma de recursos nos permitirá seguir consolidando o destino Rías Baixas, apostando pola súa internacionalización, desestacionalización, sostibilidade e polo impulso da calidade”
13/11/2025
A Deputación de Pontevedra incrementa nun 17% os recursos destinados ao fomento do turismo, que ascenden no 2026 a 7,1 millóns de euros. O deputado delegado do servizo de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, remarcou que "esta suma de recursos nos permitirá seguir consolidando o destino Rías Baixas, apostando pola súa internacionalización, desestacionalización, sostibilidade e polo impulso da calidade".
Almuíña salientou que se porán en marcha varias novidades de cara ao 2026 como unha liña de subvencións para a promoción turística dos concellos en materia turística e se impulsarán xornadas de formación para o sector, reforzando a colaboración directa cos concellos e o sector privado, de cara a seguir avanzando de maneira coordinada no desenvolvemento do destino Rías Baixas. Ademais, crearase o Rías Baixas Convention Bureau, unha nova oficina provincial destinada á promoción do turismo de congresos e eventos, que impulsará a provincia como destino MICE (Meetings, Incentives, Conferences & Exhibitions) de referencia en Galicia.
Incorpórase tamén unha partida para o fomento xeral do turismo, destinada a impulsar novos proxectos estratéxicos vencellados aos recursos naturais, gastronómicos e litorais da provincia. Ademais destinaranse recursos ao acondicionamento e equipamento interpretativo de xacementos arqueolóxicos, á organización de workshops (171.000 €) e, por vez primeira, habilitarase unha partida orzamentaria para a posta en marcha de viaxes de familiarización (fam trips) e viaxes de prensa (press trips), dotada con 150.000 euros.
Medran tamén en 115.000 euros os recursos dirixidos á posta en marcha de campañas de promoción turística, que pasan dos 225.000 aos 340.000 euros, e en 160.000 euros os Rías Baixas Fest, que ascenden dos 340.000 destinados no 2025 aos 500.000 euros do 2026. Tamén é salientable o crecemento da partida dirixida á promoción do destino en feiras turísticas, que pasa dos 25.000 euros deste ano aos 100.000 euros do 2026, así como o incremento dos fondos para que asociacións da provincia impulsen actividades turísticas, que dos 80.000 chegarán aos 100.000 euros no 2026.
Desde o ano 2023 e co orzamento aprobado para o vindeiro ano, o deputado provincial subliñou que serán preto de 20 millóns de euros os recursos dirixidos polo goberno da Deputación de Pontevedra ao fomento do turismo. Neste eido, recordou que con esta suma de fondos públicos impulsáronse axudas para a rede de información turística InfoRías Baixas, así como para a mellora patrimonial do Castelo de Soutomaior, para que entidades sen fins de lucro poidan impulsar iniciativas de promoción do turismo, para espallar a accesibilidade turística ou o turismo nos camiños cara Compostela, así como para Plans de Sostibilidade Turística, para o proxecto Praias sen límites e para a transformación dixital da provincia como Destino Turístico Intelixente.