A Deputación de Pontevedra incrementa en máis dun 35% os recursos destinados ao deporte, que ascenden no 2026 a máis de 8,6 millóns de euros

A vicepresidenta provincial e deputada delegada do servizo de Deportes, Luisa Sánchez, remarcou que este incremento “responde á nosa vontade de converter a Pontevedra na provincia do deporte, nun grande estadio para a práctica de todas as modalidades deportivas”

15/11/2025

A Deputación de Pontevedra incrementa nun 35% os recursos destinados ao deporte, que ascenden no 2026 a máis de 8,6 millóns de euros. A vicepresidenta provincial e deputada delegada do servizo de Deportes, Luisa Sánchez, remarcou que este incremento “responde á nosa vontade de converter a Pontevedra na provincia do deporte, nun grande estadio deportivo para a práctica de todas as modalidades”.

Sánchez subliñou que ademais de incrementar os recursos no 2026 lanzaranse dúas novas liñas de axudas: unha para deporte e ocio, dotada con 370.000 €,  e o Plan de Equipamentos Provincia do Deporte ProDeporte, destinado á mellora das infraestruturas deportivas de titularidade non municipal, que contará cun orzamento de 1,8 millóns de euros.  Xunto a estas dúas novas liñas de axudas, o vindeiro ano a Deputación de Pontevedra porá en marcha a Rías Baixas Sports Commission, para captar grandes eventos deportivos para a provincia.

Tamén destacou a vicepresidenta o incremento da liñas de axudas DepoVan, para adquisición ou adaptación de medios de transporte, que pasa dos 300.000 € ao millón de euros, ou as bolsas para Deportistas de Alto Nivel que ascenden dos 275.000 € do 2025 ao medio millón de euros do 2026. Medra en 120.000 € a liña de axudas para bens e servizos, ata chegar aos 220.000 €, e en 100.000 € as subvencións a clubs de ámbito estatal, ata alcanzar o millón de euros. Igualmente suman 50.000 € máis as liñas de axudas para clubs náuticos, ata chegar aos 600.000 €, e as dirixidas a clubs de ámbito inferior a estatal, ata os 700.000 euros en 2026. Do mesmo xeito acontece cos patrocinios deportivos, que acadarán os 850.000 o próximo ano,  95.000 € máis.

Desde o ano 2023 e co orzamento aprobado para o vindeiro ano, a vicepresidenta subliñou que serán preto de 24 millóns de euros os recursos dirixidos polo goberno da Deputación de Pontevedra ao fomento do deporte. Neste eido, recordou que con esta suma de fondos públicos impulsáronse axudas para o deporte de ámbito estatal e inferior ao estatal, para os equipos de elite, para patrocinar probas deportivas, para clubs de deporte náutico, para Deportistas de Alto Nivel, para adquirir ou adaptar vehículos, para bens e servizos e para a organización de competicións e eventos deportivos. Tamén para O Noso Club, para o programa DepoComparte, para impulsar a formación das mulleres no ámbito deportivo, para poñer en marcha a Cátedra do Deporte coa Universidade de Vigo ou para o programa +Talento Motor.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.