Rafa Domínguez presenta o facsímile dos manuscritos de ‘Os vellos non deben de namorarse’ de Castelao
27/10/2026
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou hoxe o facsímile de ‘Os vellos non deben de namorarse’, a única obra de teatro escrita e ilustrada por Castelao, que vén de publicar a Deputación a través do Museo de Pontevedra. Na presentación estivo acompañado da directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve; e de Henrique Monteagudo, director da Cátedra Castelao e autor dun dos estudos incluídos na edición.
A publicación contén tres volumes en tapa dura, presentados nun estoxo. Dous deles reproducen os textos manuscritos de Castelao e as ilustración coas que acompañou a obra cuxos dous manuscritos coñecidos se conservan no Museo de Pontevedra. O terceiro volume inclúe catro estudos sobre a obra, a cargo de Ángela Comesaña, responsable de Publicacións do Museo de Pontevedra e coordinadora da publicación, Henrique Monteagudo, Roberto Pascual e Miguel Anxo Seixas Seoane.


