A Deputación visita a Asociación para a Protección de Anciáns de Lalín e Comarca e enxalza a utilidade das axudas do programa Provincia +Inclusiva, que este ano achega 210.000 euros para o fomento da accesibilidade
A deputada provincial Paula Bouzós informou que esta entidade recibiu xa preto de 5.600 euros no marco destas axudas para a adquisición de elementos técnicos e sistemas inclusivos de comunicación
10/06/2026
A deputada provincial Paula Bouzós acaba de visitar as instalacións da Asociación para a Protección de Anciáns de Lalín e Comarca, en Lalín, onde puxo en valor a utilidade das axudas do programa Provincia +Inclusiva, que neste 2026 van repartir 210.000 euros entre entidades para fomentar a accesibilidade universal. Esta liña de axudas do organismo provincial está dirixida a entidades sen ánimo de lucro para a mellora da accesibilidade desde unha perspectiva integral e a promoción da participación activa de todas as persoas en condicións de igualdade e autonomía.
A deputada provincial aproveitou a visita para facerlles entrega da placa que distingue á entidade como beneficiaria da última edición de Provincia +Inclusiva. No marco desta liña de axudas, a entidade xa recibiu preto de 5.600 euros para elementos técnicos (cadeiras de baño, colchóns antiescaras, protectores de baldas, coxíns antiescaras) e sistemas inclusivos de comunicación (carteleira e orientación).
Os recursos da liña de axudas Provincia +Inclusiva, que medraron case un 17% con respecto ao 2024, están dirixidos ás entidades sen fins de lucro da provincia que poderán recibir ata un máximo de 10.000 euros para subvencionar desde obras de mellora da accesibilidade nas súas instalacións, ata os de redacción de proxectos técnicos para executar estas obras, ou de adquisición de sistemas de comunicación ou outros relacionados coa mobilidade e o coidado persoal.
