A Deputación achega 26.655 euros a tres asociacións de Pontevedra para renovar o seu equipamento a través do Plan Provincia Comunitaria
Rafa Domínguez e Javier Tourís visitaron as entidades beneficiarias da segunda edición do programa para coñecer as melloras realizadas cos recursos das axudas provinciais
04/11/2026
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e o deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, visitaron tres asociacións da capital da provincia beneficiarias da segunda edición do Plan Provincia Comunitaria, correspondente ao ano 2025, que recibiron un total de 26.655,19 euros para dotarse de novo equipamento tecnolóxico, audiovisual e mobiliario. A visita permitiu aos representantes provinciais coñecer de primeira man o resultado destas axudas e comprobar como o investimento da Deputación se traduce en melloras concretas para as entidades, facilitando o desenvolvemento das súas actividades.
A Asociación de Mulleres Rurais Consumidoras e Usuarias de Pontevedra recibiu unha achega de 8.890,40 euros para a adquisición de dous ordenadores portátiles, unha pantalla electrónica, un equipo de son composto por altofalante e micrófono e un equipo de gravación audiovisual con cámara e micrófonos. A subvención permitiu tamén incorporar mobiliario e equipamento auxiliar, como un atril, unha carpa desmontable, dúas mesas pregables, 40 cadeiras pregables e un armario arquivador.
Pola súa banda, a Asociación de Veciños Santo Paio de San Pedro de Campañó beneficiouse de 9.540 euros, que destinou á adquisición de mobiliario e equipamento para as súas actividades, incluíndo un altofalante, mesas abatibles, un canón de calor e un armario. E a Asociación Sociocultural e Veciñal C.S. A Pedreira recibiu 8.224,79 euros para a adquisición de equipamento tecnolóxico e audiovisual, como un ordenador portátil, un proxector e pantalla, unha cámara fotográfica con obxectivos, un micrófono, unha webcam, un dron e unha mochila.
Estas actuacións exemplifican o obxectivo do Plan Provincia Comunitaria, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que busca apoiar directamente o tecido asociativo e facilitar ás entidades os recursos necesarios para desenvolver o seu labor social, cultural e veciñal. Neste eido, Rafa Domínguez e Javier Tourís reafirmaron o compromiso da institución provincial coas asociacións na súa labor por dinamizar os barrios e as parroquias, coa creación de espazos de convivencia e participación.
A Deputación continúa así apostando por unha colaboración directa coas entidades e por programas que permitan atender as súas necesidades reais, mellorar os seus medios e fortalecer a actividade comunitaria en toda a provincia. Deste xeito, a terceira edición do Plan Provincia Comunitaria está xa en marcha, dando continuidade a unha iniciativa que consolida o apoio provincial ao asociacionismo e permite seguir dotando as entidades de recursos para desenvolver o seu traballo.
