A Deputación supervisa as obras de mellora dun tramo da estrada provincial EP-8002 Caldas-San Clemente, onde inviste 150.000 euros para evitar riscos de afundimento

Estas obras solucionarán os problemas de seguridade viaria detectados nunha inspección técnica realizada na estrada provincial e abranguen desde a mellora da drenaxe e evacuación de augas, ata compactar terras e realizar recheos, fresado e novas capas de firme

09/06/2026

A Deputación supervisa as obras de mellora dun tramo da estrada provincial EP-8002 Caldas-San Clemente, onde inviste 150.000 euros para evitar riscos de afundimento

A deputada de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra, Belén Cachafeiro, supervisou as obras de mellora dun tramo da estrada provincial EP-8002 Caldas-San Clemente, onde inviste 150.000 euros para evitar riscos de afundimento. A estrada, que nestes momentos atópase cortada, está a ser mellorada no punto quilométrico 0+600 onde se están a executar traballos para solucionar os problemas de seguridade viarios detectados nunha inspección técnica.

Cachafeiro recordou que na inspección técnica constatouse a existencia de importantes cavidades baixo a estrada, nunha zona na que existe un muro de contención de considerable altura. Estas oquedades están a provocar a perda de material de recheo baixo a calzada e manifestábanse na aparición de gretas no pavimento. Segundo os informes técnicos, de continuar avanzando esta situación podería producirse o afundimento da estrada, co conseguinte perigo para a seguridade viaria.

Deste xeito, tal e como subliñou a deputada, a actuación abrangue a reparación da estrada para evitar que siga caendo material de recheo baixo a estrada cara a base da estrutura de contención existente. Ao detalle, as obras comprenden o fresado do asfalto, a retirada de terras ata chegar á base da estrutura de contención, a execución das actuacións necesarias para garantir unha correcta drenaxe das augas procedentes dun nacemento natural existente baixo a estrada, así como o recheo, compactación de terras e reposición do firme para recuperar a circulación con plenas garantías de seguridade. A duración estimada da actuación é de tres meses.