A Deputación celebra o Día do Libro defendendo o seu papel esencial como promotor da creación literaria na provincia
A institución ten un firme compromiso co desenvolvemento da literatura como vehículo de transmisión da cultura e da lingua galegas, con axudas para edicións e actividades culturais, actividades e encontros con autoras e autores ou o fomento da creación literaria
23/04/2026
A institución ten un firme compromiso co desenvolvemento da literatura como vehículo de transmisión da cultura e da lingua galegas, con axudas para edicións e actividades culturais, actividades e encontros con autoras e autores ou o fomento da creación literaria
Pazo provincial, 23 abril de 2026. Neste Día Internacional do Libro a Deputación de Pontevedra conmemora os falecementos dalgunhas das figuras máis relevantes da literatura universal: Miguel de Cervantes, Inca Garcilaso de la Vega e William Shakespeare defendendo os seu papel esencial como promotor da creación literaria na provincia. A institución ten un firme compromiso co desenvolvemento da literatura como vehículo de transmisión da cultura e da lingua galegas, como amosan as axudas para edicións e actividades culturais, a súa Editorial, actividades e encontros con autoras e autores de prestixio ou o fomento da creación literaria a través da convocatoria de distintos premios.
Desde o Servizo de Patrimonio Bibliográfico e Documental, a institución promove unha serie de axudas destinadas á edición en papel, audiovisual ou mixto para difundir traballos de interese para a cultura galega a través do tempo e que contribúan a enriquecer o patrimonio bibliográfico provincial. Cun orzamento de 100.000 euros en 2026 (pendentes de resolución) fináncianse proxectos que abordan temas relacionados coa provincia con especial atención á historiografía e a outros estudos de investigación vinculados aos concellos da provincia e ás súas tradicións.
O papel é o formato máis popular entre os traballos financiados con esta liña, representando preto da metade dos máis de 70 proxectos subvencionados desde 2023 ata 2025: publicacións relacionadas co Entroido, os petróglifos e os castros, a salgadura e as conservas, a historia do barrio vigués do Calvario ou a toponimia da Illa de Arousa, libros de poesía e dramaturxia, manuais de obradoiros creativos… Todo eles impulsados por asociacións sen fins de lucro da provincia, redundando no apoio a estes colectivos que foi unha das máximas prioridades do Goberno provincial desde o primeiro minuto da súa constitución.
Tamén as asociacións se benefician das axudas impulsadas polo servizo de Cultura para o desenvolvemento de actividades culturais (cun crédito de 350.000 €, 50.000 máis que o ano pasado), que abranguen concursos e certames literarios, e do programa Culturea, que inclúe entre o seu catálogo de actuacións unha categoría específica de poetas.
Encontros entre escritores e lectores para estimular a creación literaria e divulgar a cultura galega
A Deputación impulsa dous circuítos de encontros con escritoras e escritores de renome para que poidan expoñer as súas experiencias e conversar co público, especialmente cos mozos e mozas que buscan iniciarse na escrita. En febreiro de 2026 comezou o terceiro ciclo de Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes cun encontro con Pilar Sánchez-Garnica, que se suma aos organizados en anos anteriores con Héctor Abad Faciolince, Ledicia Costas, Jorge Volpi, Laura Ferrero, Manuel Jabois ou Manel Loureiro, entre outros. Os encontros celébranse no Pazo provincial e o Museo de Pontevedra, un espazo que habitualmente acolle presentacións de libros independentemente de estar ou non apoiados economicamente pola Deputación.
E en 2025 a Deputación iniciou un programa de conversas, recitais e obradoiros protagonizados por mulleres escritoras. Mulleres de palabra(s) atópase agora mesmo na súa segunda edición, con seis accións desde o Día Mundial da Poesía (en marzo) ata o Día das Escritoras (que este ano se conmemora o 12 de outubro e a Deputación celebrará o sábado 17). Esta iniciativa busca reivindicar a palabra das mulleres escritoras do pasado e do presente para fomentar a lectura e descubrir voces femininas, e neste novo ciclo incorpora unha biblioteca ambulante que viaxará polos centros de ensino da provincia reunindo as obras e as recomendacións das escritoras que participaron no primeiro ciclo.
Pero entre todas as autoras e autores das nosas letras, unha salienta por mérito propio: Rosalía de Castro. A Deputación celebra todos os anos o 23 de febreiro, Día de Rosalía, convidando a centros de ensino da provincia para realizar actividades coas que promover o coñecemento sobre a autora, a nosa cultura e a nosa lingua entre a mocidade. A institución provincial tamén ten un historial de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro con accións nas que destaca o programa de visitas guiadas á súa Casa-Museo, en Padrón, tamén cos centros de ensino, co fin de financiar tanto o desprazamento en autobús como as entradas. En maio, ademais, as principais sedes da Deputación acollerán a exposición da Fundación “Rosalía ilustrada”.
Premios á creación literaria e colaboración co tecido asociativo e cultural
A institución provincial tamén estimula a creación de traballos literarios a través das categorías dos Premios Provinciais á Xuventude (4.000 €), o Premio Castelao de Textos Teatrais (12.000 €) e, indirectamente, cos Premios Mulleres Que Opinan (2.000 €) aos mellores traballos xornalísticos inspirados no encontro As mulleres que opinan son perigosas. Tamén ten en consideración o panorama literario galego como xurado do Premio Otero Pedrayo, impulsado polas catro deputacións e a Xunta de Galicia, e que en 2023 recoñeceu o escritor e crítico literario Darío Vllanueva.
Ademais, a Deputación de Pontevedra colabora con entidades culturais como o Hematofesti, acollendo actividades na sede de Vigo e impulsando o proxecto de promoción da lectura “O bosque dos contos”, ou coa Federación de Librarías de Galicia, para a celebración das Feiras do Libro nos concellos de Ponteareas, O Porriño, Redondela e Vigo. A Deputación adoita entregar lotes de libros aos colexios que participan ou asisten ás actividades organizadas para o público infantil como xesto de agradecemento e de promoción da cultura e a lectura. E todo iso sen esquecer as celebracións propias co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano están dedicadas a Begoña Caamaño e terán como epicentro Vigo, a súa cidade de nacemento.
Editorial
Malia que a Deputación de Pontevedra leva asumindo desde 1940 a produción propia de publicacións, non foi ata 1986 cando naceu a súa Editorial (daquela como un Servizo de Publicacións que foi evolucionando ata a actual). Fíxoo cun título que recollía a historia da Deputación desde a súa constitución en 1836, coordinado por Xosé Fariña Jamardo e Miguel Pereira Figueroa e cunha extensión de máis de 500 páxinas, tanto en galego como en castelán. O seu catálogo conta xa, nestes momentos, con máis de 600 títulos, o que reflexa o esforzo do organismo provincial para a difusión da cultura galega e dos aspectos relacionados coa provincia de Pontevedra. O seu labor está centrado en afondar no recoñecemento da riqueza patrimonial do pobo pontevedrés, e é unha importante ferramenta para o estudo e a investigación das distintas manifestacións culturais da provincia así como para a súa divulgación.
Nestes últimos tres anos incorporáronse ao catálogo de publicacións da Deputación oito novos títulos: “A ría de Arousa en fotografías”, de Germán Cruces Rajoán; “Unha árbore cae”, coordinado por Yolanda Castaño; “Casa y Sangre Sotomayor”, de Carlos Acuña; “Insercións”, de Xulio Gil; “Deslocando a Arquitectura tradicional”, de Xulia Lomba e Xosé Lomba; “O Exilio de nacer. Pensamento e linguaxe na escrita de Alfonso Pexegueiro”, coordinado por Nuria Araújo García, Antía Marcote Cal e Fernando Groba Bouza; “Pontevedra en fotografías”, de Luis Pereiro; e “Baixo as ás protectoras de Inanna. XI Obradoiro Internacional de Tradución Poética en San Simón”, coordinado por Yolanda Castaño. A Editorial non ten afán comercial, todos os títulos distribúense na rede de bibliotecas públicas da provincia e outros puntos de lectura, e só unha pequena porcentaxe chega ás librarías.