Luisa Sánchez anuncia que o orzamento provincial de 2027 reserva 250.000 euros para a redacción do proxecto de ampliación de Balaídos para ser sede do Mundial 2030

“Todos queremos que Vigo sexa sede do Mundial e, unha vez rematada a reconstrución da bancada de Gol, hai que seguir adiante”, sinalou a vicepresidenta

16/09/2026

Luisa Sánchez anuncia que o orzamento provincial de 2027 reserva 250.000 euros para a redacción do proxecto de ampliación de Balaídos para ser sede do Mundial 2030

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou que os orzamentos provinciais de 2027 reservarán 250.000 euros para participar economicamente na redacción do proxecto de ampliación da grada de Tribuna do estadio de Balaídos, no marco da candidatura de Vigo ao Mundial 2030.

Segundo precisou, a contía prevista é estimada, xa que o Concello de Vigo aínda non fixo público o custo exacto da elaboración do proxecto. En todo caso, tal e como aclarou Luisa Sánchez, o importe poderá axustarse posteriormente.

“Todos queremos que Vigo sexa sede do Mundial e, unha vez rematada a reconstrución da bancada de Gol, que culminará en 2027 cun investimento provincial de 13 millóns de euros, hai que seguir adiante”, sinalou a tamén deputada de Deportes, quen lembrou que a Deputación inviste preto de 28 millóns na reforma global de Balaídos.

Deste xeito, malia que nin a Deputación nin a cidade coñecen o cronograma que permitiría chegar a tempo ao verán de 2030, a institución remarca o seu apoio ás actuacións precisas para gañar aforo no estadio e cumprir as esixencias da FIFA para que Vigo sexa sede do Mundial que acollerá España.

Máis investimentos en Vigo

Ademais, tal e como xa confirmara Luisa Sánchez de xeito oficial, as contas provinciais reservarán 5 millóns de euros para novos convenios bilaterais co Concello de Vigo a partir do 1 de xaneiro de 2027, a mesma cantidade que o goberno local solicitara en 2024 para cada anualidade do actual mandato. Luisa Sánchez explicou que esta partida permitirá incorporar novos acordos entre ambas institucións, ao tempo que se manteñen os recursos comprometidos previamente.

Nesta liña, avanzou que os orzamentos de 2027 manterán o apoio económico a diferentes actuacións que a Deputación xa ten en marcha na cidade como, por exemplo, a reforma da piscina de Teis, cun investimento total de 5 millóns de euros e unha achega provincial do 70%.

“Estou moi satisfeita de que a Deputación manteña en Vigo uns niveis de investimento que son históricos. Estamos falando de cifras récord. Para min é unha magnífica noticia que a miña cidade estea recibindo cada vez máis recursos provinciais e que sigamos sumando novas melloras”, rematou Luisa Sánchez.

Galerias de imaxes

audios