Rafa Domínguez supervisa a saída de A derradeira leición do mestre de Bos Aires a Galicia para ser exhibido no Museo de Pontevedra

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asiste ao proceso de saída do cadro no Centro Galicia da capital arxentina: “Hai obras que pertencen ao patrimonio dun museo e outras que forman parte da alma dun pobo. A derradeira leición do mestre é unha delas”

08/06/2026

Rafa Domínguez supervisa a saída de A derradeira leición do mestre de Bos Aires a Galicia para ser exhibido no Museo de Pontevedra

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asistiu hoxe no Centro Galicia de Bos Aires ao proceso de saída do cadro A derradeira leición do mestre, pintado por Castelao en 1945 e que este verán se exhibirá no Museo de Pontevedra. O cadro foi descolgado da súa localización habitual nesta entidade da diáspora galega en Arxentina e foi embalado para o seu transporte a Galicia, onde está previsto que chegue o 17 de xuño. “Hai obras que pertecen ao patrimonio dun museo e outras forman parte da alma dun pobo. A derradeira leición do mestre é unha delas”, asegurou Domínguez.

O vicepresidente remarcou “a enorme emoción” de ver como a obra máis icónica de Castelao inicia a súa viaxe cara ao Museo de Pontevedra para “facer posible que dialogue por primeira vez coa colección que mellor conserva e explica o seu legado. “Despois de meses de diálogo, traballo e entendemento co Centro Galicia de Bos Aires, este non é só un acontecemento cultural extraordinario, é a culminación dun anhelo compartido por moitas persoas que entendemos que Castelao ocupa un lugar central na nosa identidade galega”, asegurou Domínguez.

“Que A derradeira leición do mestre -engadiu o vicepresidente- poida exhibirse este verán en Pontevedra, no Museo, a gran casa de Castelao, é a demostración de que a cultura segue a ser unha das grandes forzas que unen aos galegos, vivan onde vivan, e un símbolo da Galicia aberta, universal e orgullosa das súas raíces que entre todos seguimos construíndo”. Neste eido subliñou que “poucas obras representan con tanta forza os valores e os ideais que Castelao legou ao país” e enxalzou a importancia de que chegue a Galicia “unha das creacións máis universais e simbólicas da súa historia cultural”.

O cadro emprende o viaxe por avión ata Alemaña, desde onde partirá por estrada para chegar a Galicia unha semana antes da inauguración da exposición. O proceso de saída, transporte e chegada seguirá todos os estándares internacionais de transporte de obras artísticas, xestionado por unha empresa especializada e acompañado en todo momento por un técnico da entidade que fai o préstamo, o Centro Galicia de Bos Aires.

A derradeira leición do mestre exhibirase no Museo de Pontevedra do 25 de xuño ao 27 de setembro. Este óleo sobre lenzo, de 2 metros de alto, é unha das obras máis emblemáticas de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886–1950). Pintouno en 1945 para o Centro Orensano de Buenos Aires, a entidade, posteriormente integrada no Centro Galicia, que fixera posible un ano antes a publicación de Sempre en Galiza, obra fundamental do seu pensamento político. A pintura foi concibida nun contexto de forte carga política e simbólica e presentada no noveno aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda (1903–1936), figura clave do galeguismo e amigo persoal do artista.

Desde 1979 o cadro pertence á colección do Centro Galicia de Buenos Aires, herdeiro das asociacións da emigración galega na Arxentina, que o cede temporalmente para esta exposición. A mostra coincide coa conmemoración do 90 aniversario do inicio da Guerra Civil, do plebiscito do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936 e do asasinato de Bóveda, o que reforza o seu valor histórico e simbólico.

O lenzo reproduce a estampa número 6 de Galicia mártir, o primeiro dos tres álbums publicados por Castelao durante a guerra. Na escena represéntase, nunha sinxela paisaxe galega, o cadáver dun paseado diante de dous nenos, unha figura na que se recoñece a Alexandre Bóveda, fusilado en Pontevedra o 17 de agosto de 1936. Aínda que o breve texto ao pé da imaxe pode aludir á represión do maxisterio durante a Guerra Civil, o rostro recoñecible da vítima a quen Castelao definiu como “prototipo da cidadanía galega e mártir da liberdade”, simboliza a destrución da razón a mans do fanatismo e da violencia e converte a obra nunha homenaxe a todas as persoas que deron a súa vida pola República, a liberdade e a xustiza.

Esta obra será o centro dunha mostra pequena en dimensións pero grande en simbolismo, na que estará acompañado das pezas que lle dan o contexto adecuado para interpretalo: o debuxo no que se baseou, o manuscrito Co pensamento en Galiza e a posterior primeira edición de Sempre en Galiza ou a fotografía da celebración do Día da Galicia Mártir de 1945, noveno aniversario do fusilamento de Bóveda, no que se presentou a pintura.

En paralelo á mostra, o Museo vai desenvolver este verán un intenso programa paralelo que incluirá visitas guiadas, obradoiros para público infantil, un concerto da Sociedad Coral Polifónica, conferencias e un seminario arredor desta obra clave para entender a Galicia do século XX.

Galerias de imaxes

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.