Luis López reforza o papel das Rías Baixas como “a provincia do deporte” coa participación de dous pilotos no Campionato Galego de Rallys da man da Deputación

O mandatario provincial, xunto coa vicepresidenta Luisa Sánchez, recibe no Pazo provincial a Roi Rodríguez, o gañador da segunda edición do programa +Talento Motor polo seu debut no Rally da Mariña cun coche ecolóxico patrocinado pola Deputación

06/05/2025

Presentación da Segunda edición do +Talento Motor

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñece a consolidación do papel das Rías Baixas coma a provincia do deporte co dobre patrocinio do organismo provincial para a participación de dous pilotos locais no Campionato Galego de Rallys que supón unha nova mostra do compromiso da Deputación co apoio aos deportistas e entidades deportivas da provincia. Fíxoo nunha recepción ao gañador da segunda edición do pioneiro programa +Talento Motor, Roi Rodríguez, que esta fin de semana debuta no Rally da Mariña Lucense ao volante dun coche ecolóxico serigrafiado coas cores da Deputación. Acompañado pola vicepresidenta e responsable do Servizo de Deportes, Luisa Sánchez, o mandatario provincial desexou sorte ao debutante, lembrando que se consegue o triunfo na súa categoría terá asegurado o salto de categoría e patrocinio da Deputación para o vindeiro ano.

"O programa +Talento Motor é unha ponte de colaboración de tres carrís, Federación Galega de Automobilismo, a escudaría AMF Motorsport e a Deputación, un programa pioneiro que dá un impulso a un deporte moi arraigado na nosa provincia e un programa que naceu para dar unha oportunidade a todos os pilotos menores de 24 anos da provincia", explicou o dirixente provincial o sentido desta iniciativa que cumpre xa dous anos.

O +Talento Motor é un programa novidoso impulsado pola Deputación que este ano celebrou a súa segunda edición. Trátase dunha academia para novos pilotos da provincia, que teñen a oportunidade de amosar o seu potencial nos rallys nunha xornada de formación e competición na que se selecciona ao representante da provincia na categoría Dacia Sandero Eco Cup do Campionato Galego de Rallys. O gañador desta segunda edición, que volveu ser un éxito de participación, foi Roi Rodríguez, un mozo de vinte anos natural de Pazos de Borbén que, xunto co copiloto tudense Daniel González, terá a súa primeira experiencia en competición da man da Deputación. No encontro, o mandatario provincial deu os parabéns ao prometedor piloto non só por ser o mellor do programa +Talento Motor, senón pola súa afección polo automobilismo que o leva a cursar un FP Dual sobre mecánica de competición. "Os resultados son o que menos importa, o importante é todo o que aprendas e desfrutes", desexou López.

Por outro lado, lembrou o mandatario provincial que a presencia da Deputación no Campionato Galego de Rallys deste ano é dobre. Ademais de propiciar o concurso de Roi Rodríguez na Dacia Sandero Eco Cup, o organismo provincial dá continuidade ao apoio a Yago Martínez, o primeiro gañador deste programa que conseguiu o triunfo o pasado ano na categoría ecolóxica para dar o salto esta tempada á categoría Clío Trophy, na que tamén competirá cun coche patrocinado pola Deputación.

Un compromiso co automobilismo da provincia, en colaboración doa Federación Galega de Automobilismo e a escudarçia AMF Motorsport, que terá continuidade nos vindeiros anos abrindo a todos os pilotos novos da provincia a posibilidade de participar na Clío Trophy do Campionato Galego de Rallys independentemente se foron ou non participantes do programa +Talento Motor. "Seguiremos dando pasos a prol do mundo do motor", concluíu Luis lópez.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.