A Deputación organiza a próxima semana oito novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+
O organismo provincial impulsa entre este luns e venres accións formativas centradas no deseño, na produtividade intelixente, nas comunicación efectiva, nos proxectos emprendedores e, entre outras cuestións, a protección de datos
18/01/2026
A Deputación de Pontevedra organiza esta semana oito novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, todas elas requiren inscrición previa, celebraranse do luns 19 ao venres 23 de xaneiro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como os fluxos de traballo e o deseño web, a produtividade intelixente, os proxectos emprendedores, o manexo de Instagram, o cálculo de custos, a protección de datos, a comunicación efectiva e o deseño de ofertas.
O luns 19 de xaneiro, a partir das 12:00 horas, terá lugar o obradoiro telemático “Affinity by Canva V”, organizado pola oficina de Ponteareas. As persoas participantes aprenderán a profesionalizar o fluxo de traballo en Affinity, desde a organización ata a entrega final, e a dominar a optimización para web, o arte final para imprenta e os sistemas de nomenclatura. Guillermo Nass, deseñador gráfico publicitario, será o encargado de impartir esta sesión para a que se pode formalizar a inscrición neste formulario.
O martes 20 de xaneiro terán lugar dúas sesións. A partir das 12:00 horas e organizada pola oficina de Barro, Manuel Tornos, experto en transformación dixital, afondará na mellora dos procesos con intelixencia artificial, nunha sesión na que analizará a IA xenerativa, a automatización de tarefas administrativas, as ferramentas clave para a produtividade e explicará boas prácticas e casos prácticos reais. As persoas interesadas pódense inscribir na seguinte ligazón.
Pola tarde, a partir das 17:00 horas e organizada pola oficina de Vigo, a licenciada en Comunicación Sabela Álvarez, explicará o proceso de desenvolvemento dun proxecto emprendedor, desde a receita para unha idea de negocio, ata as preguntas para dar forma á idea e o desenvolvemento do proxecto. Neste caso, a inscrición debe formalizarse a través deste formulario.
O mércores tamén terán lugar dúas sesións. “Como sacarlle partido ao Instagram do teu aloxamento”, a partir das 12:00 horas e organizado pola oficina de Vigo, será impartido por Patricia Cabaleiro, licenciada en Turismo, que detallará o funcionamento do algoritmo de Instagram e explicará como facer stories e reels (inscrición neste enlace). A partir das 17:00 e organizada pola oficina de Ponteareas, Guillermo Nass encargarase de introducir Notion para a xestión financeira, afondando no cálculo de custos e tempo, na incorporación de impostos e marxes, no deseño dunha táboa dixital e na interpretación e toma de decisións (as persoas interesadas deberán cubrir este formulario).
Serán tamén dúas as sesións que se desenvolverán o xoves 22 de xaneiro. Ás 12:00 horas e organizado pola oficina de Barro, terá lugar “Protección de datos para as pemes III. Como actuar ante unha fenda de datos”, na que Manuel Tornos, afondará en como xestionar unha crise e protexer o negocio cando hai un problema de seguridade na empresa (inscrición neste formulario). Pola tarde, a partir das 17:00 horas e organizada pola oficina de Vigo, terá lugar “Comunicación efectiva para emprendedores”, na que Sabela Álvarez detallará como comunicar para influír e motivar á audiencia e xerar confianza (inscrición).
Finalmente o venres 23 de xaneiro ás 12:00 horas terá lugar “Deseña as túas ofertas en cinco minutos”, unha sesión na que Guillermo Nass ensinará a deseñar carteis e anuncios combinando fotos e textos para escaparates. As persoas interesadas neste obradoiro formativo deberán cubrir o seguinte formulario.
A Deputación destina 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.