A Deputación estrea en Vilagarcía de Arousa os obradoiros para cativos de educación infantil do proxecto Muller e Sustentabilidade no mar
A deputada de Igualdade, Paula Bouzós, visitou a mostra “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” no CEIP A Escardia e coñeceu a actividade impartida pola profesora da Universidade de Vigo e investigadora do proxecto, Tamara Amorín
26/03/2026
A Deputación de Pontevedra estreou hoxe no CEIP Escardia de Vilagarcía de Arousa os obradoiros vinculados ao proxecto “Muller e sustentabilidade no mar” para alumnado de educación infantil. Esta iniciativa, promovida pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo, busca darlle visibilidade ao papel da muller no ámbito mariño e está vinculada a unha mostra que o centro acolleu desde o pasado 3 de marzo. A deputada provincial de Igualdade, Paula Bouzós, visitou esta mañá o centro educativo e coñeceu de primeira man esta nova actividade impartida por Tamara Amorín.
A deputada provincial quixo lembrar aos cativos que “hai moitas mulleres que traballan no mar ou están relacionadas con el, facendo tarefas moi importantes, aínda que ás veces non as coñezamos” e agradeceu a Tamara Amorín a súa implicación neste proxecto, coa posta en marcha deste novo taller no que o alumnado puido coñecer a historia de Emma, unha rapaza moi curiosa que os convidou a acompañala no seu percorrido pola exposición. Desta maneira, as nenas e nenos coñeceron o papel que as mulleres veñen desenvolvendo na conservación dos océanos e os oficios femininos invisibilizados ligados ao mar e achegáronse, de maneira lúdica e adaptada a súa idade, aos conceptos de coidado, respecto e responsabilidade ambiental.
A mostra Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar afonda no papel destacado que as mulleres tiveron ao longo da historia na sustentabilidade do mar e no uso responsable dos recursos mariños. Desta maneira, recóllense oficios das mulleres do mar, desde 1914 ata a actualidade, comezando polos máis antigos, como os de mariscadora ou redeira, ata as investigadoras mariñas, pasando por aquelas que traballaron na salga e na conserva. Para amosar os contidos a exposición está composta por vídeos e fotografías, así como imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar o saber das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva.
