A Deputación pecha este xoves no Museo de Pontevedra as Noites de Música Antiga co concerto de Teucro Trío

A formación galega presenta “Unha viaxe pola Europa do Barroco” o 30 de xullo ás 19:00 horas no Edificio Castelao

28/07/2026

A Deputación pecha este xoves no Museo de Pontevedra as Noites de Música Antiga co concerto de Teucro Trío

A Deputación de Pontevedra pecha este xoves no Museo de Pontevedra a 16ª edición das Noites de Música Antiga, un programa de concertos que este ano se centrará na música do período barroco. O programa, que arrancou o 16 de xullo, concentrou a tres conxuntos especializados e pecharase este xoves 30 de xullo ás 19:00 h no Edificio Castelao, a cargo dos galegos Teucro Trío.

Teucro Trío está formado por Sergio Heredia (violín barroco), Fernando Reyes (guitarra barroca e tiorba) e Arquímedes Artal (viola de gamba) e presenta nas Noites de Música Antiga o programa “Unha viaxe pola Europa do Barroco”. A súa actuación achéganos a mediados do século XVII, un momento no que a música instrumental consolida a súa emancipación daqueles modelos vocais nos que se apoiara desde o inicio da polifonía no medievo. A sonata en trío vai ser o xénero máis relevante de boa parte deste repertorio, ao que se lle suma o concerto a finais do século. Varios dos autores representados neste programa foron especialistas recoñecidos como compositores da sonata en trío, entre eles os italianos Marco Uccelini e Francesco M. Veracini e completan o repertorio pezas de Santiago de Murcia, Andrea Falconiero, Dietrich Buxtehude e Jacques Morel.

Sergio Heredia formouse en institucións de Murcia, San Petersburgo e Oviedo, e ampliou logo estudos con mestres concertinos de destacadas orquestras. Como intérprete, Heredia é un violinista de gran son, presenza escénica e musicalidade. Actuou en numerosas ocasións como solista e gravou para a radio, a televisión e mesmo o cine, onde encarnou o histórico violinista Manuel Quiroga. Na actualidade é profesor de violín no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra e director da Xove Orquestra Sinfónica de Pontevedra.

Fernando Reyes iniciou a súa formación en Santiago de Compostela en guitarra clásica. Posteriormente especializouse nos instrumentos antigos de corda pulsada no Conservatorio de Toulouse (Francia) e na Staatliche Hochschule für Musik de Trossingen (Alemaña), onde obtivo o título superior en Música Antiga e realizou o posgrao de concertista. En 1990 fundou en Santiago de Compostela o grupo de música antiga Resonet.

Arquímedes Artal estudou frauta de pico, traveseira barroca e viola de gamba nos conservatorios de Salamanca e Sevilla, onde obtivo o título superior de Viola de Gamba. Conta cunha rica actividade concertística con grupos coma Ludicus Consort, Resonet ou o Consort de Violas da Universidade de Salamanca, e especializouse no lirone, do que é un dos poucos intérpretes. É membro do cuarteto Gallaecia Antiqva e profesor de viola de gamba no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra.

Este terceiro concerto de Noites de Música Antiga, dirixido polo profesor da Universidade de Vigo Luís Costa Vázquez, completouse con outros dous concertos xa celebrados: abriu o ciclo o xoves 16 Laia Terré & Lorenz Rupil e continuou o pasado venres 24 co concerto de Iberian Ensemble. O acceso a todos os concertos é libre ata completar a capacidade.