A Deputación mantén aberto ata o venres 13 de marzo o prazo de inscrición para +Benestar, que en 2026 chegará a máis de 2.100 persoas maiores da provincia
O programa de termalismo social conta cun orzamento de máis de 220.000 euros para fomentar o envellecemento activo e a independencia das persoas de máis de 55 anos
08/03/2026
A Deputación de Pontevedra ultima os días para que os maiores de 55 anos poidan inscribirse en +Benestar que, cun orzamento de máis de 220.000 euros, oferta 2.127 prazas para desfrutar de estancias en balnearios, talasos ou spas da provincia. As persoas interesadas teñen de prazo ata o próximo venres 13 de marzo para presentar as súas solicitudes, e poden consultarse todos os detalles e requisitos nas bases do programa, publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
+Benestar ofrece estancias de seis días e cinco noites (entrada os domingos e saída os venres) nun establecemento termal para estas máis de 2.100 persoas empadroadas na provincia que deben cumprir algún dos seguintes requisitos: ter 55 anos ou máis, ou, no caso de non chegar a esta idade, contar cunha discapacidade superior ao 65%, ser pensionistas ou ter acreditado un respiro familiar. Das 2.127 prazas ofertadas, 2.097 das prazas están subvencionadas con 100 € por parte da Deputación, e outras 30 resérvanse para persoas en risco de exclusión, cunha subvención de 400 € sobre o custo total.
En concreto, o programa desenvolverase en oito establecementos termais da provincia, situados en Sanxenxo, O Grove e Lalín (Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Hotel Carlos I Silgar, Hotel Spa Galatea Hotel Novo Astur & Spa, Hotel Spa Norat Torre do Deza, Hotel Norat Marina and Spa, Hotel Spa Norat O Grove e Talaso Hotel Louxo La Toja) e os prezos oscilarán entre os 275 e os 334 euros. Ademais da estadía, o paquete comprende pensión completa (coas bebidas incluídas); o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de hora e media ao día, tres tratamentos complementarios de balde, programación sociocultural, e o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.