A Deputación destina preto de 65.000 euros ao acondicionamento do núcleo rural da Costa, en Agolada
O deputado Javier Tourís visitou o concello e anunciou que este venres se aprobará en Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia para mellorar a rede viaria e de saneamento da zona
22/07/2026
O deputado provincial Javier Tourís visitou este mércores Agolada, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar integramente o acondicionamento do núcleo rural da Costa. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres unha achega de preto de 65.000 euros para sufragar esta actuación enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027, que destinará a Agolada preto de 1,2 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.
Na actualidade as rúas do núcleo da Costa incluídas na actuación atópanse deterioradas debido ao paso do tempo e ás cargas derivadas do tráfico. Como solución mellorarase a rede viaria, para o que será necesario a demolición do pavimento actual e a posterior execución dun novo de formigón. Previamente, realizaranse as operacións de corte e demolición do pavimento existente, o desmonte do terreo, etc., e, á súa vez, proxéctase a execución da rede de saneamento, mediante a apertura de gabias e a colocación de tubaxe enterrada.
Javier Tourís puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, o deputado sinalou que a través de plans como o +Provincia, a Deputación “está a impulsar actuacións tan relevantes como estas que hoxe anunciamos en Agolada, que melloran servizos e infraestruturas fundamentais no día a día da xente”.
